Lugo nas Letras

LUGO CIUDAD

05 may 2026 . Actualizado a las 20:07 h.

Nestas primeiras semanas de maio, nos colexios e institutos lucenses, estará a afondarse nas Letras Galegas deste 2026, na figura e na obra de Begoña Caamaño. Escribiu dúas novelas fascinantes que poderá ler e gozar o alumnado de secundaria e bacharelato; e o fío dos mitos poderá tamén ser explorado na educación infantil e primaria. A festa das letras é un espazo de confluencia social, unha ocasión para compartirmos temas, textos, reflexións e lecturas.

Os espazos de Begoña Caamaño foron este ano obxecto de atención bibliográfica, mais non a achegan a nós nin o barrio do Calvario de Vigo no que naceu nin os espazos composteláns que transitou na súa vida adulta e profesional. Mais hai un fío potente que a vencella ás terras lucenses, cando menos se nos atemos ás fronteiras actuais, a través da forte intertextualidade con Álvaro Cunqueiro, revisitado por Begoña Caamaño en Morgana en Esmelle. Porque ela non reescribe sen máis a materia de Bretaña: reescríbea en íntima unión co Merlín e familia de Cunqueiro. No remate da novela, cando Morgana se despide e parte, pregúntase cara a onde irá e contempla dirixirse ao castelo de Elsinor, visitar ao seu curmán Hamlet. Sabemos que Begoña, coa súa ollada lúcida e feminista, quería completar a triloxía escribindo sobre Xerezade. Teño eu para min que algún día escribiría tamén sobre Ofelia e Gertrude, vítimas ambas da misoxinia destrutora de Hamlet, como revelou O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca.

Celebremos pois, a Begoña e, a través dela, tamén a Cunqueiro. Porque ela teceu un fío no que se ensarilla a tradición occidental e a materia artúrica -a máis importante da Europa medieval-. E nese tecido, Esmelle e as Terras de Miranda resoan coma unha grande fraga lucense, un territorio imaxinado que, sen figurar nos mapas, leva décadas agrandando os límites da nosa literatura.