A historia de Lugo sempre estivo do lado da decencia. Do lado da xente que, mesmo nas peores circunstancias, escolleu facer o correcto. Hoxe, Elena Candia demostrou, unha vez máis, o pouco que coñece esta cidade. Intentar chegar ao goberno a través dunha moción de censura aproveitando o falecemento dunha alcaldesa profundamente querida e de dous concelleiros socialistas recoñecidos polo seu compromiso, utilizando o baleiro que deixaron, é sen dúbida unha das decisións máis indignas da historia recente de Lugo.
Non é a primeira vez: Candia xa estivo ligada a episodios escuros, como os anónimos contra Besteiro. Esta nova indignidade terá o mesmo final porque o tempo pon a cada quen no seu lugar. Os lucenses asistiron atónitos a unha rolda de prensa na que a candidata do PP compareceu da man dunha tránsfuga. Un acordo que non nace da lexitimidade, senón do oportunismo máis descarnado. Un pacto de deshonra, selado entre mans negras.
Oportunismo dunha candidata que sabe que as contas non lle dan para ser alcaldesa de forma limpa, nin nas urnas nin nas rúas. Por iso optou por mercar o goberno. Por mercadear. E atopou quen se vendese: unha persoa que chegou á política non para servir, senón para servirse.
E o seu prezo tamén acabará por coñecerse. Hai límites que non se cruzan. E cruzáronse. Inmoralidade ou decencia. A moralidade e a conciencia son as que nos marcan os límites. E quen non ten límites para chegar, tampouco terá límites para gobernar. Durante case tres décadas, Lugo confiou en alcaldes socialistas porque a cidade recoñece a quen goberna desde a honestidade, desde a proximidade, desde a humanidade. A quen entende que xestionar é importante, pero que ser boa persoa é imprescindible. Miguel Fernández representa eses valores demostrado responsabilidade, proxecto, estabilidade e compromiso. Como recentemente se demostrou coa aprobación dos orzamentos.
E por iso hoxe a indignación é tan profunda. Porque hoxe non só se decide unha alcaldía. Hoxe decídese que tipo de política queremos. A que constrúe desde o respecto ou a que se alimenta da miseria.
E fronte a iso, só hai unha resposta posible: dar a batalla. No pleno, na rúa e na conciencia dunha cidadanía que sabe distinguir entre quen serve á veciñanza e quen se serve do poder. Porque Lugo non está en venda. E a súa dignidade tampouco.