Lugo, no taboleiro

LUGO CIUDAD

Este ano, entre o 13 e o 19 de xullo, terá lugar en Lugo o I Torneo Internacional de Xadrez Fuxan os Ventos. O marco será o auditorio que leva o nome da nosa agrupación musical máis memorable, elixido pola cidadanía e que agora se incorpora, con naturalidade e ambición, ao circuíto internacional do xadrez. Hai algo especialmente suxestivo nesta confluencia: un lugar nacido da memoria musical colectiva acollendo un xogo milenario no que tamén resoan ecos de tradición e estratexia. Contribúe así a racharse ese predominio do eixo atlántico en boa parte da actividade cultural galega, abrindo novas centralidades e desprazando, aínda que sexa lixeiramente, os centros de gravidade.

En Galicia hai unha afición ao xadrez fonda e persistente, cunha base formativa sólida e unha promoción de xente nova que comeza a dar resultados notables. Entre nós escolleron vivir Grandes Mestres como Aleksa Strikovic —último campión de Iugoslavia—, o búlgaro Vladimir Petkov, o uzbeko Ibragim Khamrakulov ou o romanés Mihail Marin, que contribúen a elevar o nivel competitivo e a crear un contexto no que o talento pode medrar. Hai torneos con tradición e asentamento en Ferrol, Pontevedra ou Carballo; e agora A Coruña e Lugo pugnan tamén por ocupar un lugar propio nese mapa en expansión.

Nun tempo marcado pola velocidade e pola fragmentación resulta case subversivo reivindicar un xogo que esixe deterse, anticipar, ler o movemento do outro e construír, peza a peza, unha estratexia. Que Lugo entre neste taboleiro ten, por iso, unha dimensión que vai máis alá do deportivo. Supón tamén unha aposta por un tipo de actividade que dialoga co pensamento e a educación. Lugo, cidade de murallas e de historia, entra nun taboleiro global no que cada movemento conta e faino non como quen ocupa unha casa allea, senón como quen recoñece que tamén lle pertence ese xogo e decide, por fin, mover peza.