Lugo redescubre a Colmeiro a través das cidades que habitan a súa arte

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

O Museo Provincial acolle ata o 31 de maio unha exposición con 37 obras que reflicten o impacto que tiveron na creación artística de Manuel Colmeiro as urbes nas que viviu, como Bos Aires, Ámsterdam, París, Bilbao, Vigo ou Lugo

05 abr 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha nova mirada sobre Colmeiro, a través das cidades nas que viviu e que poboaron a súa arte, permite profundar doutro xeito na figura dunha das personalidades clave da pintura galega e española do século XX. Isto é posible grazas á exposición As cidades de Colmeiro, que se poderá visitar no Museo Provincial de Lugo ata o 31 de maio, na sala de usos múltiples. A mostra recolle 37 obras que reflicten o impacto que tiveron na súa creación artística as cidades nas que viviu, «ofrecendo un punto de vista singular sobre a súa obra», explican desde o Museo, ademais de recoller o paso do autor polo Lugo dos anos 30.

Esta mostra céntrase en obras sobre papel, que abranguen un amplo abano temporal, desde 1919 ata os anos sesenta, e sitúan ao artista, figura chave da renovación plástica galega no século XX, en cidades como Bos Aires, Vigo, París, Lugo, Ourense, Bilbao ou Ámsterdam, amosando como a relación co medio urbano modula a súa produción.

Ligado ao mundo rural

Manuel Colmeiro Guimarás (Silleda, 7 de agosto de 1901 - Salvaterra de Miño, 1 de outubro de 1999) foi un dos grandes representantes da renovación artística do seu tempo. O seu estilo combina a tradición coa modernidade, integrando influencias do cubismo, o muralismo e o postimpresionismo, sen perder o seu selo persoal. Criado nunha contorna agraria, rodeado dunha pobreza que empurraba a moitos galegos á emigración, o mundo rural tivo un gran peso na súa obra, cargada de lirismo.

Na exposición que acolle agora o Museo de Lugo, o público descubrirá como o artista reformulou a temática popular galega, de base agraria, «utilizando chaves formais da figuración europea de entreguerras, cunha intensa sensibilidade social», continúan desde o Museo.

Durante o acto de inauguración participaron Carlos Bermúdez, comisario da exposición; Elena Valverde Colmeiro, neta o artista; Vítor Montenegro, da Asociación de Amigos de Colmeiro; Aurelia Balseiro, directora do Museo Provincial de Lugo; e Encarna Lago, xerente da Rede Museística.

A pegada de Lugo

No acto destacáronse as obras sobre Lugo que responden á súa presenza na cidade, coincidindo coa exposición que realizou no Círculo das Artes de Lugo en 1933. Os debuxos, que amosan a impresión que Colmeiro tivo da cidade, poden verse en Lugo por primeira vez coa chegada ao Museo desta exposición, procedente do Museo de Vigo.

Volven ao Museo os cadros de Maruja Mallo cedidos para o Reina Sofía

Despois da finalización da exposición temporal no Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, as cinco obras de Maruja Mallo cedidas para a mostra incorpóranse de novo á colección permanente do Museo Provincial de Lugo. Este regreso pon fin ao intercambio institucional que permitiu exhibir temporalmente na sala 14 tres pinturas do primeiro terzo do século XX procedentes do Reina Sofía: Jesús, Marta y María, de Julia Minguillón; Humos helados/Paisaje abstracto, de Benjamín Palencia, e Florero, de Victoria Malinowska.

Coa recuperación destas pezas, o Museo restablece o seu discurso expositivo orixinal sobre as vangardas históricas e o diálogo artístico entre a obra de Mallo e outros autores, como Castelao ou Colmeiro. As pezas que volven a Lugo son Guía postal de Lugo (1929), Arquitectura mineral (1938), Indígena (1924-1925), Retrato de señora con abanico (1926-1929) e Agol (1968-1972).