O realizador galego Brais Revaldería sorprende en Texas coa rapa de Sabucedo inmersiva de «Fillos do vento»
LUGO CIUDAD
Rodada durante máis de sete anos en Galicia, introduce ao espectador no interior do curro mediante unha combinación de imaxe panorámica e son espacial
23 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.O realizador galego afincado en Nova York Brais Revaldería (Lugo, 1982) estreou en Norteamérica o seu filme Fillos do vento. A rapa, unha experiencia inmersiva sobre a rapa das bestas de Sabucedo (A Estrada), que sorprendeu no Festival South by Southwest (SXSW) 2026, na sección XR Experience que o encontro de Austin (Texas) dedica aos contidos inmersivos.
A película conseguiu encher varias das súas sesións durante o certame. A instalación, incluída no recinto Spotlight, explica a produtora, chamou a atención polo seu enfoque diferencial dentro do programa: unha experiencia baseada en proxección panorámica a gran escala que prescinde do uso de visores individuais, apostando por un formato colectivo que sitúa ao espectador dentro do espazo e do ritual. Os pases lograron unha rotación constante de visitantes, o que reflicte o interese por propostas que combinan cinema documental e tecnoloxía sen illar ao público.
Rodada durante máis de sete anos en Galicia, introduce ao espectador no interior do curro mediante unha combinación de imaxe panorámica e son espacial, xerando unha vivencia física do ritual que se afasta do formato documental tradicional. «O obxectivo nunca foi facer unha película sobre a rapa, senón permitir que a xente a vivise desde dentro, case como se estivese no propio curro —anotou Revaldería—. O feito de ver como reacciona o público internacional a unha tradición tan local confirma que estas historias teñen unha dimensión universal».