O cine con selo de Lugo chega a Texas: «Galicia é un territorio cheo de relatos que aínda non se contaron con ambición internacional»

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

El cineasta lucense Brais Revaldería presenta película en Texas
El cineasta lucense Brais Revaldería presenta película en Texas

O cineasta lucense Brais Revaldería presenta en Estados Unidos o documental inmersivo «Fillos do Vento: A Rapa», sobre a tradición de Sabucedo, despois de trunfar no festival de Cannes. A película reflexiona sobre a identidade e o territorio

08 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Texas fíxase no cine con selo de Lugo. A película Fillos do Vento: A Rapa, do cineasta e produtor Brais Revaldería (Lugo, 1982), foi seleccionada dentro da categoría oficial XR Experience Sptlight do festival norteamericano SXSW e exhibirase do 15 ao 17 de marzo en Austin (Texas). A estrea americana desta experiencia inmersiva sobre a Rapa das Bestas de Sabudedo (A Estrada) chega despois do seu paso polo Festival de Cine Europeo de Sevilla e da súa nominación no Festival de Cannes 2025.

Dirixida por Revaldería —gañador de dous premios Emmy polas súas colaboracións con HBO en producións como Westworld e Game of Thrones, seis Grand Clio Awards e un León de Ouro en Cannes Lions—, a obra é o resultado de sete anos de rodaxe consecutiva nas montañas de Sabucedo, onde cada verán se celebra unha das tradicións máis singulares de Europa. A Rapa das Bestas de Sabucedo, con máis de 500 anos de historia documentada e recoñecida como Festa de Interese Turístico Internacional, é un rito comunitario único: os veciños baixan os cabalos salvaxes do monte ata o curro para marcalos, desparasitalos e cortarlles as crinas.

Fillos do Vento: A Rapa non é unha película convencional, senón unha experiencia inmersiva en formato de proxección panorámica de 270 graos, con imaxe en 8K, son ambisónico espacializado e sistema de difusión aromática que reproduce os olores da terra e o monte galegos. Toda a imaxe está construída exclusivamente con material documental real, captado ao longo de distintas edicións da Rapa, sen recreacións nin xeración dixital.

Con máis de dúas décadas de experiencia internacional en cine, televisión e proxectos inmersivos, Revaldería, afincado en Nova York, combina no seu traballo innovación visual, narrativa emocional e compromiso social. Fillos do Vento: A Rapa propón unha experiencia sensorial que explora a memoria, o ritual e a resistencia cultural.

—Durante sete anos volvemos a esas montañas porque a historia esixía tempo. A Rapa non é folclore: é unha relación viva entre unha comunidade e o salvaxe. A tecnoloxía inmersiva permítenos facer algo novo: non solo mostrar este mundo, senón colocar ao espectador dentro del.

—Como chegou un filme sobre a Rapa das Bestas a Texas?

—Chega a Texas porque SXSW é un festival onde o cine e a innovación van da man. A peza naceu en Sabucedo, pero fala dun tema universal: que pasa coa identidade dun lugar cando o territorio cambia moi rápido. Despois do percorrido por Cannes e Sevilla, SXSW era o seguinte paso lóxico para abrir a historia a un público global.

—Como está respondendo o público de fóra de Galicia ao coñecer unha tradición tan peculiar como é a rapa?

—A sorpresa é inmediata, pero o máis interesante é o que vén despois. Moita xente entra pensando que vai ver un espectáculo e sae entendendo que é unha forma de coidado e de relación coa comunidade e cos animais. A resposta adoita ser moi emocional, porque a experiencia está feita para estar «dentro», non para mirar desde fóra.

—Que impacto está tendo en festivais?

—Cannes foi a proba de que unha historia moi local pode ser global se está contada con verdade. E SXSW é unha porta enorme para que viaxe aínda máis.

—Por que decidiu facer unha película sobre este tema?

—Porque é unha historia que me toca de preto e que fala de algo máis grande ca a propia rapa. É memoria viva, comunidade, tradición e futuro ao mesmo tempo. Durante anos vin como se simplificaba o relato desde fóra, e tiña a necesidade de contar a complexidade real: a beleza, a dureza e tamén as preguntas que abre no presente.

—Con que obxectivo naceu este proxecto?

—Non é unha peza para dicirche que penses algo, senón para facerche sentir a pregunta: que preservamos e que perdemos cando cambia o territorio?

La película sobre la Rapa das Bestas es inmersiva y reproduce incluso los olores de la rapa
La película sobre la Rapa das Bestas es inmersiva y reproduce incluso los olores de la rapa

—Que implica que sexa unha película inmersiva? Pode verse en salas convencionais?

—Inmersiva significa que a historia non se mira desde unha butaca como quen observa, senón que o público está rodeado pola imaxe e polo son. Usamos proxección panorámica e son binaural para crear presenza, para que a distancia desapareza. Si, estamos a preparar tamén versións que poidan circular en contextos máis convencionais: unha versión VR e unha versión adaptada para exhibición en espazos non inmersivos.

—Como se logra transmitir ao público a realidade da rapa, incluíndo os olores?

—A base é o son e a proximidade da imaxe: o po, a respiración, os pasos, o corpo. E, cando o espazo o permite, incorporamos elementos sensoriais, incluído aroma, para reforzar a memoria física do lugar. Pero o máis importante é que todo estea ao servizo do real: non buscamos «efectos», buscamos presenza.

—En canto a futuros proxectos, como vai o traballo sobre a atleta lucense Adi Iglesias?

—O proxecto con Adi Iglesias vai moi ben. Estamos nunha fase de desenvolvemento e alianzas, afinando o enfoque narrativo e a estratexia de produción. É unha historia de identidade e superación, pero sobre todo de pertenza, e queremos facela coa mesma esixencia e delicadeza que Fillos do Vento.

—En que outros proxectos está traballando?

—Agora mesmo teño unha liña de proxectos documentais e inmersivos en paralelo. Algúns están ligados a historias de comunidade e territorio, outros a personaxes contemporáneos con dimensión internacional. E ao tempo estamos construíndo un modelo de produción que nos permita que estas obras viaxen e se vexan en máis sitios, non só en festivais.

—Servirase de máis historias ou tradicións de Galicia para os seus traballos?

—Si, sen dúbida. Galicia é un territorio cheo de relatos que aínda non se contaron con ambición internacional. A min interésame traballar desde a raíz, pero sempre buscando unha lectura universal. Se unha tradición é potente, é porque fala de nós, non só dun lugar.