Presentan en Lugo un libro sobre a pontenovesa Perfecta Ogaza: «As avoas gardan esa memoria que nos identifica e nos define»

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Imaxe de Perfecta Ogaza, na portada do libro
Imaxe de Perfecta Ogaza, na portada do libro CEDIDA

A catedrática Xulia Marqués escribiu «Para que non estiñe a memoria das avoas. Perfecta Ogaza Fontangordo», que se presenta este mércores, día 4, no Vello Cárcere

04 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Mércores 4 • 18.30 horas • O Vello Cárcere de Lugo • Entrada libre • 

O Vello Cárcere de Lugo acolle este mércores pola tarde a presentación do libro Para que non estiñe a memoria das avoas. Perfecta Ogaza Fontangordo, da catedrática Xulia Marqués. Trátase dunha obra que recolle a historia de vida de Perfecta, unha veciña dunha aldea da Pontenova, que faleceu con 93 anos, e que representa a tantas outras mulleres rurais galegas. No acto participarán, ademais da autora, Valentín García, secretario xeral da Lingua, da Xunta; Belén Castro, profesora da USC e exvicedecana da facultade de Ciencias da Educación de Santiago; Montse Dopico, xornalista e profesora da USC; e Aurora Rojas, unha das fillas de Perfecta. Ademais, contarán co acompañamento musical da agrupación folclórica Colexiata do Sar, de Santiago de Compostela.

 

Esta obra xurde de catro anos de traballo durante os cales Xulia Marqués gravou a Perfecta na súa aldea. O libro reconstrúe a biografía da súa protagonista, pero tamén é o reflexo dunha parte esencial da sociedade, a da muller rural galega, marcada polo envellecemento, polo traballo duro e polo abandono e o despoboamento das aldeas.

A historia de Perfecta está estruturada en dúas etapas: antes de casar, ligada á vida familiar en Goios, empezando a traballar con 14 anos; e a vida de casada a partir dos 20 anos, noutra aldea, a de Soutodemogos, onde ten os tres fillos e traballa na agricultura e na gandería. «A súa foi unha vida dura, de aldea, e sacrificou parte da súa vida para que os seus fillos puidesen estudar», resume Marqués.

No caso de Perfecta, ademais, o seu marido «era un visionario. Construíron un edificio na Pontenova e montaron a discoteca Xolda, que estivo funcionando durante máis de dúas décadas», conta Marqués. Pero Perfecta enviuvou nova e «quedou soa na aldea, nunca quixo marchar».

 

Memoria prodixiosa

Aínda así, a autora explica que era unha persoa moi alegre e vitalista: «Era unha muller cunha memoria prodixiosa, moi lida e cunha grande intelixencia. Tiña unha personalidade arrolladora, falaba con gran lucidez e daba gusto estar con ela, era alegre, viva, percorreu toda España coas excursións, facía moitas actividades, manualidades... era todo un alboroto», conta Marqués. Era tan precisa a súa memoria que ata lembraba as declinacións en latín, o nome do hotel no que quedaron na lúa de mel ou o que lles serviron para comer.

O libro fala da historia de Perfecta, pero podería ser a de calquera outra muller rural galega: «Hai moitas ‘Perfectas’ por Galicia, aínda que non sexan perfectas, mulleres con poucas oportunidades e que proxectaron nos seus fillos o que elas non lograron», engade a autora.

O obxectivo do libro é render homenaxe a Perfecta Ogaza, pero tamén a todas as mulleres rurais galegas, gardiás da memoria colectiva, á que fai alusión o título do libro: «As avoas gardan esa memoria que nos identifica e nos define. Son unha figura esencial na crianza e durante xeracións eran as que falaban cos nenos, porque as nais non tiñan tempo, eran as que tiñan máis paciencia e simbolizaban esa figura de amparo para os máis pequenos», lembra Marqués.