Iria Folgado, oboísta que actúa en Lugo: «Hai quen pensa que a música clásica é para unha elite, pero só é algo educacional, a un neno vaille gustar calquera tipo de música»

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Iria Folgado presenta en Lugo o seu primeiro disco
Iria Folgado presenta en Lugo o seu primeiro disco CEDIDA

A intérprete galega, solista de corno inglés na Konzerthaus Orchester de Berlín, actúa o sábado 7 no Círculo das Artes, onde presenta o seu debut discográfico, «Ecos de Breogán», unha travesía pola música de cámara inspirada nas lendarias tradicións irlandesas do rei celta galego Breogán

02 feb 2026 . Actualizado a las 13:20 h.

A oboísta Iria Folgado (San Sadurniño, 1996) actuará este sábado, día 7, en Lugo. A solista de corno inglés na Konzerthaus Orchester de Berlín (dirixida por Joana Mallwitz), onde leva afincada desde hai máis dunha década, ofrecerá un concerto ás 20.00 no Círculo das Artes. Presentará o seu debut discográfico, Ecos de Breogán, unha travesía pola música de cámara inspirada nas lendarias tradicións irlandesas do rei celta galego Breogán e do seu fillo Íth. Na actuación de Lugo estará acompañada por un elenco 100 % galego: Raquel Areal e Sara Areal, de Tui, aos violíns; Marta Rodríguez Otero, de Lugo, á viola; e Millán Abeledo, de Silleda, no violonchelo. Interpretarán obras de Benjamin Britten, R. Vaughan Williams, Arnold Bax, Elizabeth Maconchy e Fernando Buide. As entradas están á venda nas oficinas do Círculo. Esta parada en Lugo chega antes de que retome os proxectos que ten en Berlín e de comezar unha xira por Estados Unidos coa Mahler Chamber Orchestra.

—Como será o concerto de Lugo?

—Presentaremos o meu debut discográfico, o meu proxecto Ecos de Breogán, que é unha viaxe polo repertorio de música de cámara para os meus instrumentos (óboe e corno inglés), e tamén cuarteto de cordas, de compositores ingleses do século XX, rematando esa viaxe en Galicia cunha obra do compositor santiagués Fernando Buide.

—Por que elixiu ese título?

—Quixen utilizar a lenda de Breogán, do noso rei celta galego que mandou construír unha alta torre en Brigantia, e dende ela o seu fillo Íth mira cara ao horizonte e albisca unhas illas que quere coñecer, que serían as Illas Británicas e Irlanda. Estes compositores ingleses de música clásica estiveron moi influenciados pola súa tradición musical, polo seu folclore e tiñan tamén unha grande admiración por Irlanda e, por tanto, pola tradición celta, que é o que nos une a Galicia coas llas Británicas e Irlanda. E este disco é un pouco unha metáfora da lenda do rei celta galego que viaxa ata as Illas Británicas como unha fonte cultural.

—Como está sendo a acollida do disco?

—Moi ben. Xa levamos dez concertos por toda España e estamos moi contentos de que poida funcionar tan ben e de que a xente goce con esta música. Primeiro tivemos a experiencia de gravar o disco, que foi en Tui durante unha residencia artística, cun traballo súper intenso. E despois chegou o momento de mostrar ese traballo, pero ao vivo nos concertos, e cada experiencia é diferente, o público pódenos transmitir emocións distintas... Así que é súper emocionante, e sobre todo agora poder traelo á casa. Neste sentido, quérolle dar as grazas á Sociedade Filarmónica de Lugo, que organizan estes concertos e que estiveron tan interesados en nós, pola aposta por este repertorio tan interesante e tan rico para nós. E tamén estamos agradecidos porque apostaron polo talento galego, porque ademais moitos de nós estamos a vivir fóra. Así que para nós tamén é unha oportunidade de achegar o que facemos fóra, de tan alto nivel, aos nosos veciños, ás nosas familias e ao noso público galego.

—Como acabou en Alemaña?

—Dende pequeniña sabía que quería dedicarme á música, ao óboe. Con 15 anos empecei a participar nos proxectos da orquestra xove da Sinfónica de Galicia, onde me interesei polo mundo da orquestra e polo que decidín que quería traballar nunha orquestra. Despois, no momento de elixir universidade, sempre me alentaron a ir estudar fóra, a Alemaña en concreto, pois en Berlín é onde están os mellores profesores de óboe. Así que probei sorte, fixen as probas, entrei, conseguín unha praza para estudar e levo alí máis de dez anos. Estou moi contenta co meu traballo de orquestra, como solista de corno inglés na Konzerthaus Orchester de Berlín.

—Considera que está mellor valorada a música clásica en Alemaña que en Galicia?

—En Alemaña, a música clásica está máis integrada na sociedade. Solo en Berlín hai sete orquestras profesionais en activo, cando en toda Galicia só hai dúas. En Alemaña hai moito máis apoio e tamén está máis valorado. En España tamén está valorada a música clásica, pero creo que falta máis apoio gobernamental e financeiro para poder explotar a calidade musical que en realidade hai en Galicia e España.

—Cre que o público aínda ve a música clásica como algo que queda lonxe?

—En España temos un pouco esa idea de que a música clásica é para unha elite, para certos grupos sociais ou para xente de maior idade, pero só é algo educacional, todo depende de como se eduque á poboación, porque a un neno vaille gustar calquera tipo de música. Se un neno, ademais da música comercial tamén pode escoitar música clásica, a ese neno tamén lle vai poder gustar a música clásica, non significa que obrigatoriamente vai ser a súa categoría favorita, pero terá unha posibilidade máis de escolla. En Berlín é máis frecuente que os nenos teñan máis presente a música, tocando algún instrumento, por exemplo, e iso tamén se promove de xeración en xeración. Tamén hai máis alternativas de ocio relacionadas coa música clásica, para público infantil, porque hai moitos tipos de formatos, con concertos didácticos, ou máis curtos... Estase facendo un gran traballo para achegar a música clásica a novos públicos.

—Baralla volver a Galicia?

—Volver sería un soño, porque significaría que podería traballar tocando nunha orquestra. Pero é difícil porque en Alemaña hai moitas máis prazas de traballo, mentres que en Galicia son solo dúas orquestras, máis pequenas e con menos prazas.