Consulta aquí a programación completa do entroido de Lugo: exposicións, música, espectáculos e concursos de disfraces

la voz LUGO

LUGO CIUDAD

Arroxo e Ferreiro presentaron o cartel do entroido de Lugo
Arroxo e Ferreiro presentaron o cartel do entroido de Lugo La Voz

Arrancará o día 5 coa inauguración dunha mostra que recolle as personaxes máis relevantes do entroido galego

29 ene 2026 . Actualizado a las 16:15 h.

O tenente de alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, e a concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, presentaron a programación do entroido 2026, que contempla 17 actividades destinadas a todos os públicos. Ferreiro destacou que «o obxectivo é seguir facendo do entroido unha festa participativa e accesible para toda a veciñanza, mantendo as nosas tradicións vivas e introducindo novas propostas que xa demostraron ser un éxito en anos anteriores».

A programación comezará o xoves 5, coa inauguración da exposición Personaxes do Entroido Galego de C. Padín no Vello Cárcere. A mostra será visitable ata o 30 de marzo, e está integrada por máis de 100 obras que amosan as personaxes máis características do entroido galego.

O xoves 12 o Mercado Municipal acollerá a Cé Orquestra Pantasma a partir das 17:30h, e o venres 13 terá lugar o pregón ás 20:00 na praza Maior. Desta volta estará animado pola agrupación Condensadores de Fluzo. Posteriormente, Bloco Meigallo animará as rúas do casco histórico, a partir das 21:30.

O sábado14 será o turno de «AUCHH!» de Abraham Arzate na praza Maior, a partir das 12:30, e pola tarde co desfile infanti (17h), que contará coa animación da Tambukda e Malabarabilidades a cargo de Fran Boza. A partir das 20:30, a Tambukda animará as rúas do casco histórico.

O domingo 15 pola mañá a praza Maior acollerá o espectáculo «Frikis» de Mundo Costrini a partir das 12:30 e pola tarde, a partir das 18 horas, celebrarase a Gala de circo Introitus, coas actuacións de Pakolas, Marta Sempre Arriba, Henriko e Martilda.

O luns 16 a xornada comezará ás 12:30 co espectáculo «Máximo Óptimo» de Máximo na praza Maior. Pola tarde o Dúo Laos representará «Otros Aires» a partir das 18h na praza Maior e a partir das 21:30 a animación de rúa continuará no casco histórico coa actuación do Bloco Meigallo.

O Martes de Entroido contará con Brais das Hortas e o seu espectáculo «Consertasso na horta» a partir das 12:30 na praza Maior, e pola tarde será a quenda do desfile de disfraces para persoas adultas, a partir das 17h, coa actuación de Tambukda e Carta de ajuste.

A xornada de peche do entroido, o mércores 18 de febreiro, será a quenda de Arturo Cobas co seu espectáculo «O mundo de Nono». Pola tarde, as actividades continuarán ás 17:30 cun Concerto de Banda e Coro infantil da banda Filharmónica de Lugo, e o entroido pechará a partir das 20:00 co Enterro da Sardiña e o concurso de ferretes. A actividade sairá do Círculo das Artes e conta coa colaboración de Estoupacaldeiros e as actuacións de Orquesta Terra Nova e Orfeón Xoan Montes.