Sés, cantautora: «O idioma galego está sentenciado. A non ser que haxa un cambio político xa»
LUGO CIUDAD
A artista presentará o seu último traballo, «Nadando na incerteza», este sábado nun concerto no auditorio Fuxan os Ventos de Lugo
22 ene 2026 . Actualizado a las 23:48 h.Inmersa en plena xira de presentación do seu último traballo, Nadando na incerteza, María Xosé Silvar, Sés (A Coruña, 1982) chega este sábado, día 24, a Lugo. A artista, un referente na música contemporánea galega, ofrecerá un concerto ás 20.30 horas no Auditorio Municipal Fuxan os Ventos. As entradas están á venda desde 19,80 euros nas páxinas web entradas.ataquilla.com ou en ses.gal. Con este novo álbum, un disco-libro composto por trece temas orixinais, seguirá percorrendo a xeografía galega (Ourense, Narón, Pontevedra, Compostela...), antes de continuar polo resto do estado. A partir de maio, encarará a tempada de festas e festivais.
A artista, que asume todos os roles do proceso creativo (composición, interpretación, produción e gravación), reflexiona neste novo traballo sobre o contexto actual, marcado pola imprevisión e polo cambio.
—Ganas de volver a Lugo?
—Lugo é unha cidade que me gusta un montón, eu de ir a Lugo sempre estou contenta. Tanto Lugo como Ourense son sitios aos que fun menos e gústanme moito, así que ir presentar para min é especial. Actuei no San Froilán, pero tamén estiven por Lugo facendo cousas coa Asociación de Escritores en Lingua Galega.
—Que vai atopar o público no concerto?
—É un concerto no que imos presentar o novo disco, pero imos facer tamén algúns temas doutros discos. Imos a quinteto, cunha formación e unha escenografía concibidas especialmente para este espectáculo. Normalmente, non son moito de escenografías, pero cando fixen este disco xa o concibín desa maneira, veume á mente esa posta en escena. E penso que, a maiores do estritamente musical —que eu creo que, pola parte que non me toca, a da banda, ten moitísima calidade—, a nivel visual tamén é un espectáculo interesante, no que ten moita importancia a parte da posta en escena.
—Como está sendo a acollida deste novo traballo?
—Espectacular. A verdade é que non me podo queixar, xa nunca me queixei porque é de ben nacido ser agradecido, pero é certo que enchemos os concertos que levamos ata agora. Niso non me podo queixar, porque sempre tiven acollidas espectaculares, téñolle que dar moitas grazas á xente, e doullas en cada concerto.
—O disco titúlase «Nadando na incerteza». Como se consegue iso? Como logra navegar nesa incerteza?
—Pois a duras penas, pero con ganas e vitalidade. Creo que a incerteza é inherente á condición humana, o que pasa é que vivimos de costas a ela. Digamos que hai unha incerteza individual, que nace con nós, pero logo hai unha incerteza colectiva que se agudiza en determinados contextos históricos, como é o caso deste que estamos a vivir agora mesmo. Nadando na incerteza quizais está máis motivado por esta segunda incerteza máis colectiva que pola primeira. Aínda que a primeira sempre é transversal, sempre atravesa todo, quizais foi sentir a segunda máis agudizada a que me levou a este disco. Xa a sentía en Diante un eco, nese anterior disco, onde falaba desa sensación de volver ao pasado, do eterno retorno de Nietzsche. E, por desgraza, non me equivoquei. Nadando na incerteza é a consecuencia dese eco anterior, dese Diante un eco do que falaba antes. Pero unha incerteza encarada con moitísimo vitalismo. Porque precisamente escollín o single Nadando na incerteza porque di iso, «Non teñas medo a ese instante, porque a vida é un absurdo e nós un sopro errante». Hai que abrazar esa condición de sopro, de insignificante, e utilizala non desde un punto de vista derrotista, senón todo o contrario: isto é o que temos e hai que abrazalo, hai que loitar desde aí, desde o vitalismo.
—Vivimos tempos incertos, verdade?
—Si, tempos incertos e inxustos. Pero moi motivados tamén por esa tendencia ao acomodamento que se tivo.
—Percíbeo tamén no idioma?
—O idioma está sentenciado. A non ser que haxa un cambio político xa.
—En canto á música en galego, non semella vivir un rexurdimento?
—Que haxa música en galego sempre é positivo. Pero hai que ter en conta que este rexurdir é, sobre todo, dentro da música tradicional. E as músicas tradicionais e de creación colectiva non se poden separar do código vehicular no que se orixinan, son inseparables da lingua na que se orixinan. Por exemplo, ninguén canta bulerías en alemán ou muiñeiras en croata. No que respecta á escena onde o galego é unha opción entre outras e loita coas linguas hexemónicas, estamos como estabamos, e moitos dos que estabamos seguimos estando. A min encántame que haxa unha escena grande, canto máis mellor, e todo me gusta, é no único no que creo que son egoísta, sempre quero máis. Pero preocúpame relacionar este momento coa boa saúde do idioma, porque creo que non ten nada que ver, hai que ser cautos e saber diferenciar a música tradicional, en que o idioma non é unha escolla, das músicas en que o idioma si que é unha escolla. Que haxa música en galego sempre é bo; en calquera idioma é bo, pero sobre todo en idiomas que non son linguas francas.