O anuncio da intención de crear un consorcio para o casco histórico de Lugo e de impulsar, asemade, a área metropolitana convida a unha reflexión sobre o futuro da cidade e a súa dobre proxección: o desenvolvemento interno daquilo que é máis nuclear —o casco histórico— e a expansión e conexión coa contorna.
Hai anos que comezou un esforzo por integrar na cidade espazos que, sendo absolutamente centrais e perimetrados pola propia muralla que nos define, eran espazos negados, empurrados fóra da vida cidadá pola marxinalidade. Lembro a forte advertencia de nunca equivocarme e torcer cara á dereita cando camiñaba pola Rúa Nova; ou aqueles lugares que só se vían desde a vista aérea da muralla, porque eran zonas polas que non se podía transitar. Mesmo a praza do Campo, hoxe tan concorrida e vivida, era un deses espazos que se evitaban cando eu era nena.
Moitas cousas mudaron, e a maioría para mellor: a marxinalidade e a conflitividade de certos barrios, a exclusión de zonas enteiras da vida cidadá. O proceso iniciado de ubicar edificios públicos e institucionais nesas áreas é, sen dúbida, o camiño. Dicía Francesco Tonucci que unha cidade dos nenos, unhas rúas polas que nenos e nenas poidan transitar sen perigo, é un sinal dunha cidade sá e xusta. Cómpre que eses lugares nos que durante anos se concentrou a marxinalidade sexan reapropiados.
Por desgraza, a prostitución e o tráfico e consumo de drogas seguen a existir aquí e en todas as cidades, pero cómpre reducilas ao máximo e evitar a súa concentración. Temos un casco antigo rodeado por unha muralla patrimonio da humanidade, o privilexio do granito e da lousa e unha natureza circundante impresionante. Cómpre construír Lugo cara adentro e cara afóra. Se o consorcio e a área metropolitana van servir a estes fins, entón non cabe dúbida de que cómpre apostar por eles.