Durante moitos anos a cifra dos 100.000 habitantes erguíase no horizonte como unha meta sempre adiada, ata o punto de parecer inalcanzable. Porén, este 2025 pecha coa barreira finalmente superada, tanto en Lugo como en Santiago de Compostela. En ambos os casos conflúen dinámicas globais, como a chegada de poboación procedente doutras partes do mundo —en Lugo hai veciñanza nacida en máis de cen países—, mais tamén procesos específicos que falan de distintos modelos de cidade e de distintas maneiras de habitar o espazo.
En Santiago o elevado prezo da vivenda favoreceu xa hai unha xeración a proliferación de núcleos da contorna (O Milladoiro, Bertamiráns, Teo, Sigüeiro…) que amorteceron durante anos o crecemento da poboación no propio termo municipal. Lugo, pola contra, incorporou dentro do seu núcleo urbano boa parte da nova poboación, medrando cara á zona universitaria e outros barrios da cidade.
Superar os 100.000 habitantes ten repercusións en termos de financiamento estatal e de representación política, polo que, cando se está na fronteira, resulta comprensible o interese por acadar esa cifra. Con todo, non deberiamos caer na obsesión de medrar por medrar, coma se a concentración da poboación fose en si mesma un obxectivo desexable. Cómpre procurar un equilibrio entre o urbano e o rural —Lugo concentra xa máis do 30 % da poboación provincial—, pero tamén un desenvolvemento harmónico da propia cidade: dos seus barrios, das zonas históricas e das de nova expansión, cunha adecuada prestación de servizos, cunha rede suficiente de zonas verdes e con equipamentos comunitarios e prácticas culturais compartidas que nos permitan ser algo máis ca unha simple aglomeración de xente. Celebremos, pois, sermos xa 100.000 lucenses. Agora tócanos encher esa cifra de sentido, de integración e de bo progreso urbano.