Xeración catapulta

LUGO CIUDAD

29 nov 2025 . Actualizado a las 19:48 h.

Un dispositivo anticaídas integrado en pezas de roupa de lá galega foi o proxecto escollido e premiado no Campus de Lugo. Este premio ten como obxectivo que a poboación máis avellentada do rural se sinta máis segura e non teña que abandonar o seu fogar. En paralelo, estreouse 360 curvas, un documental con fonda raigame lucense: recupera a mobilización coa que se evitou que A Fonsagrada perdera a condición de cabeza de comarca e, con ela, servizos esenciais para a súa supervivencia.

A abundante documentación gráfica daquela etapa permitiu reconstruír unha historia que segue viva na memoria colectiva. O fío que une ambas propostas é o papel dunha nova xeración que recolle e actualiza o legado cultural recibido, xa sexa mediante innovacións técnicas ou a través de creacións artísticas. No Simposio das Letras celebrado pola Real Academia Galega, o músico Richi Casás falou da «xeración túnel», aquela que recibiu o legado da lingua e dos saberes tradicionais, mais que non sempre o transmitiu, porque priorizou outra caste de coñecementos. Agora, outra xeración máis nova tenta recuperar ese elo perdido e reclama unha herdanza cultural e lingüística que lle pertence. Entre os nomes propostos para describila, eu escollería «xeración catapulta».

No simposio, Xulia Feixó citou a Adrián Méndez, protagonista de 360 curvas, quen quixo rescatar do esquecemento o clamor colectivo que houbo na Fonsagrada para defender os servizos que garantían a vida no rural. A historia rematou ben. Mais o devalar demográfico non se detivo e as rúas xa non están ateigadas como nas imaxes históricas, agás durante a foliada, que axiña se celebrará e que tamén nos fala desta vontade de recuperar a tradición e, en definitiva, desa enerxía que esta nova xeración impulsa cara adiante coma unha auténtica catapulta cara ao futuro.