O contacontos Anxo Moure animou unha xornada de plantación de landras organizada co apoio do programa Voz Natura
23 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O colexio de educación infantil e primaria de Nadela, no municipio de Lugo, levará a cabo durante este curso unha plantación de carballos dentro das actividades do programa de educación ambiental Voz Natura. A iniciativa comezou esta semana cunha xornada na que participou o contacontos Anxo Moure —natural de Chantada —, quen ofreceu aos alumnos unha actuación baseada no seu conto O carballo con botas, tamén publicado como libro. Esta actividade desenvolveuse na biblioteca do centro.
Os alumnos plantaron despois no recinto do colexio numerosos landras de carballo —coincidindo coa historia narrada por Anxo Moure— utilizando como macetas vellas botas que trouxeron das súas casas. Cando as árbores alcancen un tamaño suficiente serán transplantadas no medio natural, o que se fará para o curso que vén. «Aínda non sabemos onde plantaremos os carballos, porque temos que tramitar os permisos, pero a nosa idea é facelo nalgún dos montes comunais que se queimaron nos incendios deste verán», explica a profesora Ana Fernández.
As actividades de educación ambiental do colexio de Nadela previstas para este curso inspíranse nun libro da bióloga e activista ambiental estadounidense Rachel Carson que se publicou en castelán co título El sentido del asombro. «A obra fala da necesidade de recuperar o sentido do abraio ante a natureza, unha batalla que na súa opinión só se gaña ou se perde na infancia e iso é o que se pretende facer con estas actividades», sinala a docente. Durante este curso, por outro lado, está previsto seguir traballando un horto escolar que se creou no anterior ano lectivo co apoio de Voz Natura e no que se cultivan tomates, patacas, pementos, cabazas, cabaciñas, xirasoles...
O horto, que conta con dous pequenos invernadoiros, é regado durante o verán mediante un sistema de aspersión. «A principios de curso puidemos recoller hortalizas e facer puré de cabaciña, e as cabazas utilizáronse para actividades que se organizaron no samaín», apunta así mesmo a profesora. Os nenos, continúa, participan activamente nos traballos hortícolas, facendo plantacións, regando e fertilizando co abono elaborado nun composteiro. Para este ano está previsto enriquecer este espazo verde cunha plantación de especies aromáticas en forma de espiral. Para levar a cabo esta iniciativa, o centro solicitou asesoramento de técnicos da Deputación lucense.
Voz Natura é un programa de La Voz de Galicia desenvolvido pola Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre e patrocinado pola Consellería de Medio Ambiente, a Deputación da Coruña, a Fundación Alcoa, El Corte Inglés, a Fundación Ramón Areces e Inditex. Todos os centros lucenses inscritos nesta edición participan na iniciativa Naturacción, patrocinada pola Fundación Alcoa co apoio de Alcoa San Ciprián e a colaboración da Consellería de Educación.