As mulleres do rural galego reivindican en Lugo a súa voz: «Non se trata de contalas, senón de ofrecerlles un marco para que elas conten»

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Inaugurado no Museo Provincial o proxecto «As que contan. A tradición na muller rural galega. Natureza, coidado e cultura», un exercicio de memoria, arte e compromiso social para visibilizar o papel da muller no rural de Galicia

04 dic 2025 . Actualizado a las 12:56 h.

Durante séculos, as mulleres foron silenciadas e invisibilizadas; e, como a historia é de quen a conta, pode dicirse que a súa historia está aínda por contar. Esta situación é aínda máis evidente no caso das mulleres do rural galego, dobremente discriminadas. Para devolverlles a voz a esas mulleres que traballaron á sombra, «as que pisaron a terra e coidaron da vida, transmitindo coñecementos e valores», nace o proxecto As que contan. A tradición da muller rural galega. Natureza, coidado e cultura.

Trátase dunha proposta pedagóxica interdisciplinar e intercentros que pon o foco nas mulleres maiores do rural galego, nas súas historias e saberes, e que está promovida pola Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón, a Escola Oficial de Idiomas, o Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes e a Rede Museística Provincial de Lugo.

O proxecto, que quedou inaugurado hai uns días no Museo Provincial de Lugo, partiu do encontro con tres mulleres creadoras: a cesteira Idoia Cuesta, a ceramista Pepa de Bonxe e a gandeira Marta Álvarez, de Granxa Maruxa e Muuhulloa. Deste xeito, o alumnado da Ramón Falcón deu forma ás súas historias a través de contos ilustrados, pezas cerámicas, xogos e creacións audiovisuais que enlazan oficio, arte e memoria.

Motor de cambio social

Este proxecto, que bota man dun xogo de palabras para dar voz ás mulleres e tamén para dar relevancia ao seu discurso, parte da vontade dun grupo de profesoras da Ramón Falcón de transcender o plano burocrático e «facer da educación un motor de cambio social». Con metodoloxías baseadas na coeducación, o deseño social, o ecofeminismo e o design thinking, búscase visibilizar o papel das mulleres do rural galego na arte, a artesanía e o deseño, promovendo á vez actividades interxeracionais.

Para Encarna Lago, xerente da Rede, é unha satisfacción sumarse a esta rede educativa: «Cando a educación, a cultura e a comunidade se atopan e colaboran para traballar polos dereitos e a igualdade, os museos cumpren verdadeiramente a súa función social».

Este exercicio de memoria, arte e compromiso social implica devolverlles a voz ás verdadeiras protagonistas: «Non se trata de contalas, senón de ofrecerlles un marco para que elas conten», explican as promotoras do proxecto.

Ademais da exposición do Museo, As que contan derivou tamén nunha sesión de contacontos que tivo lugar nos xardíns da Ramón Falcón para alumnos do CEIP As Mercedes, a cargo de Atenea Fernández, de Xarope Tulú, e nun obradoiro de ilustración.