O Vello Cárcere encheuse na homenaxe a Xesús Alonso Montero e a Rafael de Vega
08 nov 2025 . Actualizado a las 18:13 h.Na cela número 33 da prisión modelo do partido xudicial de Lugo, no outono de 1936, o médico Rafael de Vega escribía as súas derradeiras cartas. Tres misivas para a súa familia, das cales una tiña como destinatarios aos seus fillos maiores, Rafa e Luís, que por aquel entón non chegaran nin á maioría de idade. Naquel texto, escrito horas antes de ser fusilado, pedía o cirurxián aos seus descendentes que o perdoaran polas consecuencias que a súa vida política ía ter para a familia, pero subliñaba que a patria e a liberdade o guiaran. E facíalles unha última petición. «Reivindicad mi nombre en este pueblo tan ingrato para mí».
Cando están próximos a cumprirse noventa anos daquela misiva e do fusilamento do médico, a cidade, na que pasou dúas décadas da súa vida e na que loitou por unha sanidade universal e moderna, atendeu aquel último desexo. Dende este sábado, Rafael de Vega Barrera é fillo adoptivo de Lugo.
No Vello Cárcere, a prisión na que pasou os seus últimos días agora reconvertida en centro cultural, tivo lugar o acto de reparación con Rafael de Vega e tamén a homenaxe a un persoeiro que inculcou en xeracións e xeracións a amor pola lingua e a literatura galegas e o pensamento crítico, o catedrático Xesús Alonso Montero. Un erudito que, no seu discurso de agradecemento ao ser nomeado fillo adoptivo de Lugo, tivo a ben honrar a figura de de Vega e leu, precisamente, a mesma carta de despedida que trouxeron á actualidade os seus descendentes.
Porque o acto de nomeamento dos dous fillos adoptivos da cidade reivindicaba a memoria colectiva como un xeito de construír a xustiza social. Un agradecemento a quen aportaron á cidade e á cidadanía lucenses, e a quen deixou unha fonda pegada ao seu redor.
A sala quedou pequena
O panóptico do Vello Cárcere quedou pequeno para acoller ao público que quixo presenciar o nomeamento de Xesús Alonso Montero e Rafael de Vega como fillos adoptivos de Lugo. Antigos alumnos, familiares, amigos e xente de a pé quixeron estar presentes na distinción. Foi o poeta, catedrático e amigo de Alonso Claudio Rodríguez Fer o encargado de facer unha pequena semblanza —abranguer o seu longo currículo sería imposible— do escritor, «quen me iniciou na literatura galega do século XX, como faría con tantos outros». Porque no Vello Cárcere falouse da etapa de Alonso Montero como mestre no Masculino e en Maxisterio, da súa labor cultural e cívica, de como «marcou intelectual, ética e politicamente aos miles de persoas que pasaron polas súas aulas», pero tamén de como foi censurado, multado e mesmo desterrado de Lugo no 1974.
Cando, tralas verbas de Rodríguez Fer, Alonso Montero, ataviado coa súa bufanda vermella, tomou a palabra, fíxoo agradecido pero cuestionando se merecía tal distinción. «Creo que non», dixo, «pero de maior, no que me quede de vida, tentarei ser merecente». A piques de festexar o seu 97 aniversario, cunha memoria estoica e unha retranca fina, botou man dun informe que a Dirección General de Seguridad fixo no 1969 da súa persoa, mergullándose no documento por se aí atopaba méritos para ser fillo adoptivo de Lugo.
Aquel texto policial, lembrou, falaba da súa boa «conducta moral, pública y privada», a súa gran formación intelectual, o seu verbo alegre e mesmo a súa xustiza á hora de cualificar aos seus alumnos, independentemente da súa ideoloxía. Pero tamén advertía nel características que naquela recta final da ditadura non eran precisamente valores. «Puede calificársele como enemigo del actual régimen» o «firme puntal del galleguismo» mesturábanse entre as atribucións daquel informe policial. Mesmo suxería certo adoutrinamento de esquerdas nas súas aulas.
Ese informe policial, que medio século máis tarde Montero retomou no seu discurso, captou a atención dun público entre o que había moitos daqueles alumnos dos que falaba o documento. Estudantes, hoxe xubilados en moitos casos, que ao igual que o resto do auditorio brindou unha longa ovación ao intelectual ao remate da súa intervención.
De la Vega
O clima emotivo que as verbas de Rodríguez Fer e Xesús Alonso Montero xeraron no Vello Cárcere fíxose aínda máis denso cando os descendentes de Rafael de Vega tomaron a palabra. Os seus netos Santos de Vega Villa e Rafael Pérez de Vega amosáronse agradecidos e orgullosos de que Lugo distinga a figura dun médico que adiantado aos seus tempos, traballou para mellorar a asistencia sanitaria en Lugo e que loitou tamén pola creación dun novo hospital.
Un médico condenado por un tribunal ilexítimo, fusilado, e cuxa familia foi desposuída de todos os seus bens. A súa viúva e os seus fillos tiveron que ser acollidos por familiares en León e non foi ata décadas despois cando regresaron a Lugo para recuperar os bens e a memoria do seu pai. Fillos e viúva que arrastraron durante anos un sufrimento «y para los que hoy sería un día de orgullo y reparación». Tamén de reivindicar os valores da democracia, dixeron, e de pechar feridas coa verdade.
«Dios y el tiempo me harán justicia en Lugo, la ciudad que tanto quería y tan mal me ha tratado», auguraba unha das últimas cartas de Rafael de Vega. E así foi. Aínda que se tardara.
Presenzas e ausencias nun acto emotivo
Cando a corporación de Lugo, cos votos a favor de PSOE e PP, avalou o nomeamento de Xesús Alonso Montero e Rafael de Vega como fillos adoptivos, Paula Alvarellos era alcaldesa. Para ela tiveron palabras de lembranza os persoeiros e tamén o alcalde, Miguel Fernández, que subliñou que a contribución que os dous «lucenses de corazón» fixeron á educación e á sanidade públicas. No acto participaron concelleiros socialistas e populares —ausentouse o BNG, como se prevía—, a subdelegada do Goberno, Olimpia López; o delegado da Xunta Javier Arias; o deputado Pablo Rivera; o excalcalde López Orozco, entre outros.