Lugo celebrará o 25 de abril cun canto popular de «Grándola, Vila Morena» na Mosqueira

la voz LUGO

LUGO CIUDAD

Presentación dos actos do 25 de abril en Lugo
Presentación dos actos do 25 de abril en Lugo CEDIDA

Os directores musicais de corais Bruno Villamor e Fernando Gómez Jácome dirixirán o evento para conmemorar a Revolución dos Caraveis

22 abr 2025 . Actualizado a las 13:50 h.

O tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, acompañado da concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, e os directores musicais de corais Bruno Villamor e Fernando Gómez Jácome, presentaron este martes en rolda de prensa os actos que o Concello de Lugo organizará para conmemorar o 25 de abril, Día da Revolución dos Caraveis. 

O acto central será un canto popular aberto da canción «Grándola, Vila Morena», que terá lugar o vindeiro venres 25 de abril ás 19.30 horas na Mosqueira. «A cidadanía lucense está convidada a participar nesta homenaxe colectiva, que estará dirixida polos propios Bruno Villamor e Fernando Gómez Jácome, referentes no ámbito coral da cidade», explicou a concelleira de Cultura. 

Rubén Arroxo indicou que a celebración, conducida polo xornalista Félix Jorquera, «incluirá o reparto de caraveis vermellos, símbolo da revolución portuguesa, así como copias da letra da canción, co obxectivo de favorecer a participación activa de todas as persoas asistentes». 

Maite Ferreiro destacou o valor simbólico e emocional do evento: «Queremos que Lugo celebre o 25 de abril como se fixo tradicionalmente: na rúa, cantando e reivindicando a liberdade. «Grándola, Vila Morena» representa o espírito da revolución pacífica e, ao mesmo tempo, é unha chamada á unidade e á esperanza». 

Este tipo de actos, insistíu o tenente Alcalde, «permiten reforzar o compromiso do Concello de Lugo cos valores democráticos, coa memoria histórica e coa cultura popular, nun momento de unión e participación cidadá que queremos compartir con toda a veciñanza». 

Con este acto, a Tenencia de Alcaldía lembra o 25 de abril como unha data simbólica na loita pola liberdade e os dereitos fundamentais, promovendo a memoria histórica mediante a acción cultural colectiva.