Manuel Vázquez, escritor e celador en Lugo: «Hai xente que sofre unha realidade tan precaria que a vida fáiselle moi longa»
LUGO CIUDAD

O autor gañou o Premio Eduardo Pondal polo seu poemario «Maldita eternidade», que presentará o día 24 no Vello Cárcere
16 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A realidade, por moi crúa que sexa, cóase por cada poro da obra literaria de Manuel Vázquez. O autor, natural da aldea de O Albar (Valonga, Pol), non concibe a escrita illada do contexto social no que está creada. Co seu primeiro poemario en solitario, Maldita eternidade (Editorial Medulia, 2025), mergúllase nos suburbios do xénero humano, poñendo en primeiro plano as historias de vida dos que xa non esperan nada da vida: vítimas de abusos, inmigrantes ilegais, vagabundos, persoas con ideas suicidas... A obra valeulle gañar o VI Premio Eduardo Pondal, que lle será entregado no Vello Cárcere de Lugo o xoves 24, ás 19.00 horas. O acto, que servirá tamén como presentación do poemario, contará coa presenza do autor, Manuel Vázquez; da concelleira de Cultura, Maite Ferreiro; da escritora e normalizadora lingüística Montse G.A. Magadán, que conducirá o evento; e do escritor, editor de Medulia, Premio Nacional de Literatura e crítico literario Xulio L. Valcárcel.
—Que supón gañar o premio?
—De entrada, foi unha sorpresa. Para min é unha oportunidade porque posiciona o libro nas librarías e hai máis opcións de chegar aos lectores.
—A que fai referencia o título «Maldita eternidade»?
—O libro xira en torno a tres ideas: a marxinación, o malditismo e a contracultura. O título fai referencia a esas persoas que o perderon todo e pasan a ser marxinadas, que recibiron un golpe da vida e pasan a ser unha carga, ou inmigrantes ilegais, vítimas de abusos, sobre todo, mulleres, vagabundos... Trátase de 32 poemas que propoñen unha dura reflexión: Hai xente que sofre unha realidade tan precaria que a vida fáiselle moi longa. Esta é unha poesía crúa, espida de calquera atributo superfluo.
—Como se reflexa o malditismo e a contracultura no poemario?
—Ademais da marxinación, en Maldita eternidade trato o tema da contracultura e do malditismo, e fágoo reivindicando figuras como a de Lois Pereiro que, aínda que se lle dedicou o Día das Letras Galegas, en vida foi maldito e contracultural, finando aos 38 despois de contraer o síndrome do aceite tóxico de colza e a sida; ou a poeta estadounidense Elise Cowen, da Xeración Beat, que se suicidou aos 28 anos case sen recoñecemento e cuxos pais queimaron os seus cadernos de poesía, salvándose só un, no que trata as temáticas da opresión, do medo e da morte. Por outra banda, o primeiro poema do libro, Hábitats urbanos, ilústrase coa foto da portada, de Xosé Manuel Otero, que traballa en analóxico en branco e negro: trátase dunha muller, Montse Rodríguez, aparece como mirando á eternidade.
—Hai un fío condutor no poemario?
—Si. Os poemas están aliñados á esquerda, e cada catro ou cinco poemas, aparece aliñado á dereita un monólogo interior dun home que fala da perda da muller amada e empeza a experimentar ideas suicidas, e así vaise construíndo unha historia de perdas. Ao final, o poemario acaba funcionando coma unha obra narrativa, cun desenlace.
—Inflúe na súa obra o seu traballo de celador?
—Persoas marxinadas, vítimas ou xente con problemas de saúde mental son unha parte da poboación coa que teño contacto polo meu traballo como celador, si. E creo que o suicidio é un dos grandes problemas hoxe en día. Vivimos en cidades con miles de persoas, pero para moitos son o reino da soidade. De aí vén tamén o éxito das redes sociais, a pesar de que non sabemos o nome dos veciños, de que os vagabundos son transparentes, os inmigrantes viven en realidades paralelas ou o xenocidio xa é unha palabra neutra para o noso ánimo. Para falar desa soidade inspireime tamén nos cadros do artista norteamericano Edward Hopper.
—Non concibe a literatura sen compromiso social?
—Intento tecer as historias cos fíos da vida, inclúo algún detalle biográfico, elementos da realidade na que vivo... Para min, a literatura non pode illarse do contexto social que lle toca vivir.
—En que outros proxectos está traballando actualmente?
—Sobre todo, en actividades relacionadas coa miña primeira novela, O pracer da chuvia, coa que buscamos transmitir a tradición cultural do noso rural a través do programa A vangarda está na aldea, que se desenvolverá a partir de maio nos colexios, clubs de lectura e asociacións culturais e veciñais da provincia de Lugo. Ademais, estou elaborando unha novela en coautoría con Xesús Bermúdez Tellado, ambientada en Chantada e Lugo, sobre un triángulo amoroso. E farei máis presentacións de Maldita eternidade, que está tendo boa acollida a pesar de que a poesía é un xénero minoritario; en galego, máis, e coa temática que eu trato, aínda máis.