Vicente Quiroga, antigo alcalde de Lugo: «Fole escribiu 'Á lus do candil' na miña casa cando eu era un rapaz»

LUGO CIUDAD

Quiroga conviviu na súa infancia co escritor lucense, de quen foi alumno
16 abr 2025 . Actualizado a las 18:40 h.O aparellador e antigo alcalde de Lugo Vicente Quiorga Rodríguez (Quiroga, 1940) conviviu co escritor lucense Ánxel Fole cando este residiu no seu municipio natal. Ali foi testemuña da xestación dunha das súas obras literarias máis coñecidas, Á lus do candil, ambientada en terras de Quiroga.
—Como foi a súa relación con Ánxel Fole?
—Fole viviu durante anos na Casa da Veiguiña, onde eu nacín e que era propiedade da miña avoa paterna. Eu vivín en Madrid ata 1945, pero despois volvín a Quiroga e vivín alí ata os 17 anos. Fole residiu na nosa casa ata 1950 e foi o meu profesor particular. Escribiu o libro Á lus do candil na Casa da Veiguiña nesa época, cando eu era un rapaz. Despois fun a un colexio de xesuítas en Vigo porque entón en Quiroga non había moitas oportunidades para seguir estudando. Fole volveu a Lugo en 1951, pero seguímonos vendo toda a vida.
—Por que foi vivir Fole en Quiroga?
—El era republicano e creo que cando comezou a Guerra Civil temía ser perseguido. Vivindo en Quiroga e rodeado de amigos sentíase máis seguro.
—Como era súa vida entón?
—Recibía as visitas de moitos escritores que ían velo alí, como Uxío Novoneyra, Manuel María, Ramón Piñeiro e outros. Na miña casa había catro criados e un pastor, e Fole tamén falaba moito con eles e con outros veciños que viñan por alí. El ía apuntando as historias que lle contaba os veciños e de aí foi de onde saíu o libro Á lus do candil. O curioso é que coa maioría da xente falaba en castelán, non sei por que, quizá por entón me estaba ensinando a min e tiña que ensinarme en castelán. Cos meus pais e cos escritores que o viñan visitar falaba en galego, pero con outra xente usaba o castelán
—Fole viviu algunha vez na Casa de Outeiro, que era propiedade da súa familia?
—Non, mentres residiu en Quiroga viviu sempre na Casa da Veiguiña. A Casa de Outeiro era propiedade da familia Maseda, de Julio Maseda, que estaba casado cunha irmá de Ánxel Fole, Mercedes. Pero el nunca viviu nesa casa.
—Que outras cousas recorda da época na que viviu con el?
—Hai unha anécdota moi curiosa coa que despois escribín un relato titulado O chafarote. Unha vez quedámonos Fole e eu sós na Casa da Veiguiña, porque toda a miña familia fora axudar nos preparativos da posta de longo das fillas dos donos da Casa de Outeiro. Como entón andaban por alí os que chamaban os «escapados» e había inseguridade, meu pais deixoulle a Fole un revólver polo que puidese pasar. Pola noite petaron na porta e non sabiamos quen sería. Tivemos medo e non sabiamos que facer, pero despois fomos abrir a porta. Entón cegounos a luz dun foco e nese mesmo momento oíuse un ruído. A luz do foco dirixiuse enseguida ao chan e alumeou o revólver que se lle acababa de caer a Fole. Os visitantes eran unha parella da Garda Civil que viñan ver se todo estaba en orde e que riron moito co que pasou. «Menos mal que somos nosotros», dicían.
—Estivo algunha vez con Fole no Incio, onde tamén viviu?
—Si, estiven alí con el porque a miña avoa pasaba tempadas no Incio. Alí pasoume outra anécdota con el. Resulta que os Reis me deixaran un balón de coiro e eu estaba con Fole na casa do meu tío José Luis. El estaba dándome as leccións e fóra da casa había un grupo de rapaces que me chamaban para ir con eles xogar ao balón. Eu tiña dentro dun libro varios billetes dunha peseta que fora gardando. Fun sacando os billetes do libro e ofrecinllos a Fole para que me deixase saír e xogar con aqueles nenos, dicíndolle que con ese diñeiro podería comprar papel de fumar ou tabaco... Despois Fole díxolle ao meu tío: «Tu sobrino es un monstruo, me quiere sobornar». Era un home con moito sentido do humor .