A arte de Christian Villamide volve a Lugo: «Non temos máis depredadores ca nós mesmos. A sorte para o ser humano, de momento, é que a vida ten unha forza inmensa»

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

A galerista Alba Porto, o artista Christian Villamide e a comisaria Paula Cabaleiro, o día da inauguración
A galerista Alba Porto, o artista Christian Villamide e a comisaria Paula Cabaleiro, o día da inauguración

A mostra «Cando a paisaxe se fixo verba», que se pode visitar na Galería Néboa, reflexiona sobre a distancia cada vez maior entre a humanidade e a natureza

08 abr 2025 . Actualizado a las 11:45 h.

A obra do artista multidisciplinar Christian Villamide (Lugo, 1966) busca sempre facer reflexionar ao espectador e espertar nel unha emoción ante o inxusto. Así ocorre tamén na exposición Cando a paisaxe se fixo verba, que acaba de inaugurar na galería Néboa, de Lugo. A mostra, comisariada por Paula Cabaleiro, reflexiona sobre a distancia cada vez maior entre o ser humano e a natureza, criticando o progreso e o capitalismo contemporáneo e defendendo a necesidade de recuperar a contemplación e o respecto pola natureza para salvar tanto ao ser humano coma ao mundo natural.

Villamide, cuxa obra circula por prestixiosas galerías e feiras de arte de toda España e recibiu numerosos premios, busca pór en valor a natureza e a contorna: «Dende a memoria dos materiais e a pegada do tempo sobre estes, o artista constrúe pequenos artefactos que nos interpelan, que nos remiten a novas realidades posibles, que nos fan reflexionar sobre o modo en que habitamos o territorio», puntualiza Paula Cabaleiro.

Pintura, fotografía, escultura ou instalacións serven a Villamide para construír unha reflexión visual sobre o equilibrio entre a natureza e a súa alteración pola man do ser humano. O artista lugués traballa con diversos materiais e soportes, como mármore, madeira, ferro, cemento ou metacrilato, creando composicións que desafían a percepción tradicional da paisaxe. A súa obra invita a reflexionar sobre «a supervivencia da natureza, a súa vulnerabilidade e forza, nun contexto de sobreexplotación e cambio constante» e fuxindo do concepto romántico e contemplativo da paisaxe.

Cando a paisaxe se fixo verba poderase visitar ata o 31 de maio.

—Van dez anos dende a súa última exposición individual en Lugo. Como vive esta volta?

—Si, hai dez anos da última exposición no Museo Provincial de Lugo e volto a Lugo con moita máis experiencia e camiños percorridos, con proxectos importantes na miña carreira como In Landscape mode, feito no CGAC no 2019; PERturbacións, feito no Centro de Arte CAB de Burgos; Spirit Level, no Museo de Arte Contemporáneo de Huete ou, a máis recente, Maleza, na Fundación RAC, e agora mesmo nunha exposición colectiva comisariada por Javier Guardiola no Palacio Cibeles de Madrid, feita con libros de autor da editorial FUERAdCARTA, con artistas do panorama artístico español. Moitos proxectos que me maduraron e me fixeron crecer como artista.

—Como xurdiu a idea desta exposición e que pretende transmitir con ela?

—Xurdiu hai un ano, despois de coñecer a galería Néboa e o proxecto da súa galerista, Alba Porto, a única galería profesional de Lugo despois do peche da Galería Clérigos. A apertura desta galería é un luxo para Lugo porque non só nos pon no mapa da arte contemporánea en España, senón que nos aportará moita cultura á cidade e subirá o noso nivel cultural. Este traballo que mostro, Cando a paisaxe se fixo verba, remítenos a como viamos a contorna antes da palabra paisaxe, termo que en España se comeza a usar despois do 1700, e como esa palabra cambiou a percepción desa contorna que transitamos. Tamén foi un luxo contar na inauguración con dúas empresas importantes, como Adegas Lareu y Gandería Quintián.

—A natureza é unha constante na súa obra. Por que?

—Si, ten moito peso. A natureza, a paisaxe, é a casa que habito, é o espello onde me miro, é fonte de emocións e múltiples reflexións. Pero a paisaxe real está formada non só polos espazos naturais ou idílicos, senón tamén polos polígonos industriais, as urbanizacións mal trazadas… Interésanme así mesmo as actitudes contraditorias que mantemos no día a día con respecto á nosa contorna máis próxima, que de tan cotiá pasa a ser a gran descoñecida. E, por suposto, a fenda cada vez maior entre nós e a natureza e o desapego emocional e intelectual con esta. Para min, a paisaxe implica recibir, non ensinar. A paisaxe implica adentrarse, non conquistar. É emoción, é humildade e grandeza.

—Hai espazo para a esperanza en canto á relación entre natureza e ser humano ou é pesimista neste sentido?

—Coido que non asumimos en absoluto a paisaxe que provocamos. Limitamos as nosas reflexións sobre os nosos actos cotiáns, e iso provoca tensións e contradicións entre as decisións que tomamos e como cremos que vivimos. O ser humano é antropocéntrico por natureza, a súa capacidade de adaptación por todo o territorio é extraordinaria. Non temos máis depredadores ca nós mesmos. A sorte para nós, de momento, é que a vida ten unha forza inmensa, os ecosistemas teñen unha alta capacidade de resiliencia e adaptación, pero todo ten un límite e agora todo evoluciona demasiado rápido, tendendo a estar máis tensionados e contaminados. Somos unha sociedade que, cada vez máis, habita non-lugares, tanto física como mentalmente. Será o noso interior cada vez máis un non-lugar?

«Interésame a fenda cada vez maior entre o ser humano e a natureza e o desapego emocional e intelectual con esta»

—Considera necesario que os artistas asuman unha responsabilidade en relación á sociedade na que viven?

—Neste momento temos dous temas moi importantes que se ensanchan coa globalización: os conflitos bélicos e a preservación dos ecosistemas nesta gran pedra sobre a que vivimos, que é a mesma para todos. Eu, como artista, sinto esa necesidade, non pretendo facer obras impactantes visualmente, senón obras que nos fagan reflexionar, xa que todos somos partícipes do que acontece. Dicía Jaime Echevarri que «precisamos da natureza, non só negativamente para non morrer, para non deixar de existir, senón positivamente para seguir vivindo».

—Que outras exposicións ten previstas para os próximos meses e en que outros proxectos está traballando actualmente?

—Neste momento, ademais de Cando a paisaxe se fixo verba, pronto presentarei en Lugo o libro de autor Quixera ser selva, intransitable, incógnita… da editorial madrileña Fueradcarta. Logo presentaremos por toda Galicia un libro coa escritora Ánxela Gracián, Benu Zula e a unicornia branca, coa editorial Medulia. Ademais, no verán estarei na 32 Bienal Internacional de Arte de Pontevedra, xunto a moitos dos mellores artistas do panorama internacional. Será un gran evento con repercusión internacional. E, de seguido, unha exposición na galería Castra Leuca, en Portugal, entre outras cousas.