Rubén Arroxo: «Un dos puntos febles do Concello son os recursos humanos, pero non é un problema de hoxe, vén de moi vello»

Raquel González LUGO

LUGO CIUDAD

Rubén Arroxo, durante el pleno de Lugo
Rubén Arroxo, durante el pleno de Lugo laura leiras

O tenente de alcalde valora positivamente o acordo de goberno en Lugo e confía en que o BNG rematará o mandato cumprindo todos os seus compromisos

08 abr 2025 . Actualizado a las 16:05 h.

O tenente de alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, valorou a situación do goberno da cidade este martes nunha entrevista concedida á xornalista Raquel González no programa Voces de Lugo, de Radiovoz. 

Durante a conversa, Arroxo, ao ser preguntado por como estaba a afectar as baixas ao equipo de goberno, sinalou que tentan que o menos posible, «pero non é a mellor das situacións. Cando tes a todo o equipo completo estás moito mellor».

O tenente de alcalde explicou que a reunión de seguimento do acordo de goberno que PSOE e BNG mantiveron o luns «foi positiva, analizáronse os puntos febles que pode haber agora mesmo no goberno, puxéronse sobre a mesa, puxéronse solucións e polo tanto imos seguir avanzando en todo».

Ao entender de Arroxo, un deses puntos febles que se están a atopar no goberno de Lugo é a «dos recursos humanos do Concello, pero non é un problema de hoxe, é un problema que vén de moi vello. Falta persoal. Unha das causas foron as leis que houbo no seu momento de racionalización da administración local, que se puxeron sobre o 2013, que para concellos como o de Lugo, que non estaban sobredimensionados de personal, foron unha perda de persoal importantísima, houbo servizos que quedaron moi mermados».

Agora, dixo, estanse recuperando eses servizos para que poidan funcionar o mellor posible, e puxo a brigada de obras como exemplo. «Só ten 7 traballadores, e é moi pouco para poder arranxar todas as deficiencias que hai. Este tipo de cousas hai que solucionalas».

Arroxo subliñou que hai cuestións que corrixir, «como todo nesta vida» e que o positivo é analizar en que se está errando«Creo que o goberno vai continuar con máis forza; seguramente con moita máis forza, e polo tanto, agora que estamos no ecuador do mandato podo dicir que, polo menos no que afecta ás áreas do BNG, todo apunta a que imos volver cumprir con todo o programa co que nos presentamos ás eleccións»