A comisión das Gándaras prepara oito días de festa: «Estamos na verbena contratando ás orquestras do ano seguinte»

Lucía Blanco
Lucía Blanco LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

A comisión de festas das Gándaras, nunha foto de arquivo, co cartel do San Xoán do ano pasado.
A comisión de festas das Gándaras, nunha foto de arquivo, co cartel do San Xoán do ano pasado. cedida

Olympus e Los Satélites encabezan o cartel do San Xosé, no que non faltarán unha sesión vermú «non stop» de cinco horas e o certame de tunas. «A idea é non deixar a ninguén fóra do campo da festa», explica Jairo López, que leva 15 anos como parte da comisión

16 mar 2025 . Actualizado a las 19:15 h.

O barrio das Gándaras de Lugo vai inaugurar de novo as tempada de festas na cidade pola porta grande. «Este ano temos unha aposta máis arriscada, porque imos facer oito días de festa», conta Jairo López, que forma parte da comisión dende fai 15 anos. Venres, sábado e domingo serán os pratos fortes, o luns dedicaranllo aos maiores cunha actuación na residencia, o martes tocaralle aos máis pequenos e os días 21 e 22 impulsan a segunda xuntanza de tunas. «Así dámoslle unha fin de semana máis de vida ao barrio», agrega Jairo que xunto cos seus seis compañeiros e, a pesar dos nervios e do traballo, desfruta edición tras edición da celebración «coma uns veciños máis».

—Olympus, que actuará o 14, e Los Satélites, o 15, encabezan o cartel. Cal é o segredo para traer grandes orquestras?

—Traballar, traballar e, se queda tempo, traballar. O segredo é que sempre decidimos traballar todo o ano para isto, nós temos os nosos traballos e a nosa vida, pero non o deixamos de lado nin esperamos ao último momento para organizar todo.

—Cando comezan a preparar o programa?

—Nós xa estamos pensando nas festas do ano que vén cando empezan as deste ano. O 14 de marzo que arrancan as festas xa estamos contratando as do ano seguinte. Moitas xa quedan pechadas, o gordo do programa queda mirado e o resto vaise pechando según se van incorporando as demais formacións porque cambian ou pode haber modificacións.

—Custa decidirse por unha formación ou por outra?

—Somos sete na comisión e hai que poñerse de acordo. Pero temos un formato defininido dende fai anos: o venres é máis para a xuventude e temos unha orquestra máis grande como a París, a Panorama e este ano a Olympus. Despois o sábado ou o domingo poñémolo para xente máis maior con orquestras para o baile de toda a vida. Os veciños axudan a que as festas saian adiante. Nós poñemos traballo e todas as ganas do mundo, pero se non axudan e non colaboran, non podemos facer nada. Esto é unha cadea.

—Repiten cunha sesión vermú non stop. Vén para quedarse? 

—Vai quedar instaurado. O ano pasado fixémolo de proba, tivo moito éxito e moi boa acollida, e decidimos repetir porque case que a xente no lo pedía. Houbo outras festas que incorporaron este formato, que creo que é unha boa idea. O domingo pola noite a xente non vai a festa porque o luns hai que traballar e así aforramos que pasen mala noite escoitando a orquestra metidos na cama e molestándolle. Así poden ir polo día, pasalo ben e ao día seguinte ir traballar.

—De novo haberá unha festa infantil, sesión de maxia e merenda para os nenos. Ao final é un programa pensado para toda a familia.

—Esa é a idea, non deixar a ninguén fóra do campo da festa. A xente máis nova ten ganas de festa, pero os maiores colaboran e tamén teñen ganas de bailar e non os podemos deixar á marxe. Ese é o formato que nos está funcionando e a xente enténdeo. Ao final, todas as idades teñen unha actividade case exclusiva para eles.

—Cal é a que espera con máis ganas?

—Espero con ganas e ilusión as festas como todos os anos, pero ao certame de tunas téñolle un cariño especial. Veñen vellos amigos de Madrid, de Oviedo, de Salamanca ou de Santander que teño moitas ganas de ver.

—Cada ano o listón está máis alto. Complícase cumprir as expectativas?

—Levamos doce anos traballando nun programa de maneira ascendente, pero chegaremos ao tope. O diñeiro chega ata onde chega e cada vez está máis caro todo. Dende a pandemia ata aquí encareceuse moito todo, case nun 40 %, e é moi difícil facer un programa e máis facer un extenso coma o deste ano.

—Froito dese traballo o San Xosé pasou de ser unhas festas de barrio a unha das grandes da cidade.

—Non quero pecar de soberbio, pero nestos últimos dez anos, fomos crecendo de tal maneira que eu penso que somos a mellor festa da cidade quitando o San Froilán. Tampouco podemos competir porque non temos nin un 10 % do presupostos que teñen eles. Creo que facemos un programa axeitado, con orquestras e actuacións para todo o mundo e que a xente lle gusta desfrutar porque nesta época xa hai gañas de bailar e temos actuacións de renome.