O resumo do Fogar do Transeúnte de Lugo no 2024: 6.040 almorzos, 12.137 comidas e 11.207 ceas

La Voz LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Ademais das dietas repartidas nas instalacións, fixeron entregas a domicilio
Ademais das dietas repartidas nas instalacións, fixeron entregas a domicilio CEDIDA

Este servizo do Concello atendeu a máis de 2.500 persoas durante o pasado ano. «As melloras impulsadas nos últimos anos permitiron reforzar a atención», aseguran dende o goberno local

10 feb 2025 . Actualizado a las 13:53 h.

O Fogar do Transeúnte de Lugo atendeu a máis de 2.500 persoas durante o ano 2024. Este servizo municipal, segundo explican dende o Concello, prestou 6.040 almorzos, 12.137 comidas e 11.207 ceas, elaboradas nas propias instalacións do centro. Tamén fixeron entregas a domicilio. O obxectivo, aseguran, é ofrecer un recurso fundamental tanto para aqueles que atravesan unha situación de emerxencia habitacional como para as familias que precisan apoio para cubrir as súas necesidades básicas. 

A concelleira de Benestar Social e Maiores, Olga López Racamonde, puxo en valor a importancia deste dispositivo: «O compromiso do goberno local con este servizo é absoluto, porque sabemos que é un recurso esencial para moitas persoas en situación de vulnerabilidade. Garantimos unha atención digna e de calidade durante todo o ano, pero especialmente nos períodos máis críticos, como o inverno e o verán, cando as condicións meteorolóxicas fan que este apoio sexa aínda máis necesario». 

Ademais, dende o Concello din que O Fogar do Transeúnte non só mantivo a súa actividade, senón que nos últimos anos experimentou unha mellora progresiva que permitiu reforzar a súa capacidade de atención. «Un dos fitos máis importantes foi a ampliación das instalacións, garantindo unha maior dispoñibilidade de prazas para pernoctación e aumentando os recursos destinados á atención das persoas usuarias», indican.

Tamén se implementaron melloras nos servizos de hixiene persoal e a visita dunha traballadora social do Concello tres días á semana para reforzar a coordinación cos servizos sociais municipais e facilitar ás persoas usuarias o acceso a axudas complementarias e programas de inserción social.

2,2 millóns de euros para políticas sociais

Dende o executivo de Paula Alvarellos aseguran que estas melloras no Fogar do Transeúnte forma parte da aposta  «por fortalecer o escudo social da cidade». Segundo explican, os orzamentos municipais deste ano contemplan un incremento de 2,2 millóns de euros no investimento en políticas sociais, «consolidando un modelo que prioriza o benestar das persoas máis vulnerables».

«Os orzamentos do Concello reflicten a nosa vontade de seguir reforzando os servizos sociais e garantindo que ninguén quede atrás. Lugo é unha cidade que coida da súa xente, e este compromiso vese plasmado en investimentos concretos que melloran a vida de moitas persoas», concluíu López Racamonde.