Unha galería de arte de Lugo, no Culturgal: «É unha oportunidade para darnos a coñecer»
LUGO CIUDAD
Alba López Porto, xerente do espazo expositivo Néboa, estará esta fin de semana na feira de Pontevedra con obras das artistas contemporáneas Carlota Pereiro e Sabela Eiriz
28 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.O Culturgal, a feira das industrias culturais de Galicia, celebrarase esta fin de semana no Pazo da Cultura de Pontevedra, desde o venres 29 ata o domingo 1. O espazo de arte contará nesta edición coa presenza dunha galería de Lugo, Néboa, de arte contemporánea. Este espazo expositivo, que abriu as súas portas hai un ano no barrio da Milagrosa, participará neste escenario de encontro entre públicos e artistas, profesionais e institucións, cunha coidada selección de obras de Carlota Pereiro e Sabela Eiriz. A cita preséntase coma unha boa ocasión para poñer en contacto a creadores e compañías con profesionais da xestión cultural, programadores, empresas e institucións. Alba López Porto, xerente de Néboa, destaca que esta será a súa primeira experiencia fóra do espazo da galería.
—Por que decidiron participar no Culturgal?
—Esta é unha feira pequena e serviranos como experiencia sobre como funcionan as obras de dúas destacadas artistas galegas, Sabela Eiriz e Carlota Pereiro, pero tamén é unha boa oportunidade para darnos a coñecer fóra de Lugo. Desde hai uns anos, o Culturgal conta cun espazo dedicado á arte contemporánea, comisariado por Chus Martínez, no que participan algunhas galerías, a facultade de Belas Artes... e aí imos estar.
—En que consistirá a súa participación?
—Por un lado, teremos un estand con tres paredes, ademais dunha parede exterior, que imos utilizar para expoñer as obras das dúas artistas. A exposición permanente estará aberta de 11.30 a 21.00 horas. A maiores, o domingo ás cinco da tarde, Sabela Eiriz presentará a actividade A poética das imaxes a través da edición e da disposición no espazo expositivo. Durante a súa intervención, reflexionará sobre como a organización das pezas no espazo e no proceso de edición visual inflúen na interpretación e na carga emocional das súas obras. Eiriz explorará o papel da disposición e da lectura das obras na creación de narrativas que van máis alá da representación fotográfica, propoñendo un diálogo que invita á introspección e á contemplación do espectador.
—Por que elixiu ás artistas Carlota Pereiro e Sabela Eiriz?
—Eu traballo con poucos artistas, prefiro defender a un ou dous artistas cada vez porque considero que así é máis eficaz o traballo. Neste caso, Carlota está porque foi a primeira artista coa que inauguramos Néboa. Ademais, é unha artista multidisciplinar, que integra con fluidez e sensibilidade diversos medios artísticos e cuxas obras destacan polo uso vibrante da cor. No seu caso, todas as obras que presenta son novas, deste ano, mesmo deste último mes. Pero o labor de Carlota non se limita ao ámbito expositivo, senón que tamén colaborou activamente, por exemplo, co Museo Nacional Thyssen-Bornemisza. En canto a Sabela Eiriz, é unha artista multidisciplinar de Lugo que traballa fundamentalmente coa fotografía, a escritura e o vídeo. Teño moi boa relación con ela e algunhas das obras que levará ao Culturgal xa foran expostas en Néboa. Ademais, a súa obra está presente en coleccións como a Fundacio Vila Casas ou a Rede Museística Provincial de Lugo.
—Que balance fai deste primeiro ano de vida da galería Néboa?
—Pois moi bo, vai amodo, pero estou contenta. Tivo boa acollida e a xente felicítame, así que me sinto moi a gusto. O día 12 inauguraremos unha nova exposición, coa ceramista Marina González Guerreiro, e no 2025 temos intención de participar en máis feiras de arte.