Manuel Pajón, o bardo de Lugo: «Dediqueime toda a vida á música»

Suso Varela Pérez
Suso Varela LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Xosé Manuel Valín fixo un libro sobre a figura do músico Manuel Pajón, do grupo Taranis
Xosé Manuel Valín fixo un libro sobre a figura do músico Manuel Pajón, do grupo Taranis CEDIDA

O investigador Xosé Manuel Valín presenta este sábado no Vello Cárcere un libro sobre a figura do compositor lucense, líder de Taranis, un grupo innovador da música galega dos oitenta

22 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Manuel Pajón Gayoso (Lugo, 1951) é unha figura fundamental na historia da música galega. Quizais a súa faceta como hostaleiro, coa famosa Taberna Pajón no barrio do Carme, o fixo máis popular en Lugo cidade, pero nos ámbitos culturais e musicais é un personaxe relevante, especialmente por ser o líder do grupo Taranis, «unha formación diferente nos anos oitenta no panorama musical galego pola súa fusión de ritmos tradicionais, con jazz e rock», explica o libreiro e investigador Xosé Manuel Valín, que o vindeiro sábado 23, ás 12.30 horas, no Vello Carcere presentará, xunto ao propio músico lucense, o libro «Manuel Pajón, o bardo lugués».

Xosé Manuel Valín explica que con este libro quere render homenaxe a unha persoa que tanto fixo pola música galega e apoiou a moitos músicos do país. «Eu coñecino nos anos oitenta, cando un grupo de amigos queríamos ter un grupo e falamos con el, e ensinounos moitas cousas e regalounos composicións feitas por el», explica o titular da libraría Valín Libros. Desa relación naceu unha amizade e agora vese reflectida nun libro.

Na obra «Manuel Pajón, o bardo lugués», Valín destaca o seu permanente interese polo mundo da música, sendo un coleccionista de boa parte da música popular galega, na que Fuxan os Ventos e Taranis son os seus preferidos. «Taranis foi un grupo adiantado ao seu tempo porque mesturaban o folk, co jazz, a música celta e as guitarras eléctricas», explica Valín. Pero o autor do libro sinala que a faceta musical de Pajón ten máis facetas, recordando que foi compositor de temas de Xil Ríos (fixo o elepé Tan taran tan), de Álvaro Castro, compuxo un dos temas do dobre álbum con letras de Celso Emilio Ferreiro, e varios temas do álbum de Fedry, entre outras colaboracións

Unha autobiografía

Manuel Pajón Gayoso suma á súa coñecida faceta como hostaleiro no barrio do Carme, de Lugo, o incansable exercicio da música. Como el mesmo sinala: «Dediqueime toda á vida á musica», e esa dedicación queda plenamente reflectida no libro de que é autor Manuel Valín, ou que aínda segue compoñendo música sinfónica, coa ilusión de que algún día poda estrear unha peza clásica cunha orquestra.

O volume, que recolle en 140 páxinas fotos antigas e está relatado como unha autobiografía do propio Pajón, «que ten unha memoria privilexiada». A portada do libro é un autorretrato do propio músico.

Grupo Taranis, con orixe de Lugo
Grupo Taranis, con orixe de Lugo

Pajón, delineante por formación, nunca chegou a exercer esta profesión. Descubriu moi cedo, moi neno aínda, a súa afección pola música, á que dedicou a maior parte da súa vida. Compositor e arreglista, impulsou e formou parte de grupos musicais e orquestras con tanto arraigo en Galicia como Os Senex, Kalú96 ou o citado Taranis. Precisamente integrantes de Taranis aportan datos no libro, como é o caso do cantante, Pachi Mouriño.

No acto do sábado, no Vello Cárcere, ás 12.30 horas, ademais de Valín e Pajón estará o xornalista Enrique Gómez Souto e a concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, xa que o Concello prevé facerlle unha homenaxe a Pajón.