Antón Castro, de Fuxan os Ventos: «Creo que somos uns candidatos estupendos para darlle nome ao auditorio de Lugo»

Lorena García Calvo
lorena garcía calvo LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Antón Castro é un dos integrantes de Fuxan os Ventos
Antón Castro é un dos integrantes de Fuxan os Ventos LAURA LEIRAS

Unha iniciativa en Change.org xuntou preto de 800 sinaturas pedindo que se bautice a instalación co nome da formación

16 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A pouco máis dun mes para que se inaugure o novo auditorio de Lugo, queda por desvelar o nome que levará. No ano 2021, a concelleira de Cultura anunciou que se chamaría Fuxan os Ventos, pero uns días despois a entón alcaldesa matizaba que xa se vería. Agora, coa conta atrás do bautismo activada, multiplícanse as voces que falan de que sería un xeito de honrar á formación lucense e mesmo hai unha campaña en Change.org que xa recolleu preto de 800 sinaturas a favor do auditorio Fuxan os Ventos. Antón Castro, un dos integrantes da formación, pronúnciase.

—Hai o ruxe ruxe de que o novo auditorio se podería Chamar Fuxan os Ventos. Que lle parecería?

—Pareceríame estupendo que se lle dedicara a un grupo lugués, que socialmente ten unha transcendencia tremenda en Galiza polo traballo que sempre realizou. Fuxan conectou coa sociedade. Se é un grupo senlleiro da música tradicional, que callou dentro da sociedade galega, do que moitísima xente canta as súas cancións e ten os discos na casa, e hai un auditorio en Lugo... sendo nós de Lugo creo que somos uns candidatos estupendos para que se lle poña ese nome. Haberá máis candidatos? Pois haberá.

—Semella difícil ter máis argumentos.

—É coma todo, falábase tamén de poñerlle o nome dunha muller. O que se decida. Pero o que digo é que os méritos de Fuxan están aí e non hai que esforzarse en lembralos porque é un grupo que callou na sociedade e que non ten detractores. Dende ese punto de vista, que un edificio relacionado coa música leve o seu nome, pois estaría moi ben. Nós, encantados de que así fose. Que hai máis persoas e xente que poden darlle o seu nome? Estupendo. Que o decida quen teña que decidir.

—Faríalle ilusión?

—Sería estupendo. A quen lle amarga un doce? Pero sabendo tamén que puxemos o lombo para que, en caso de que se nos dea, teñamos claro que non é un regalo, os méritos aí están.

—Pola rúa coméntanlle que estaría ben poñerlle o nome de Fuxan os Ventos?

—Claro que a xente nos di iso. A estes auditorios ao mellor quéreselles dar unha rimbombancia tremenda, pero para min é evidente que debera levar o nome dun lugués, unha luguesa ou un grupo de Lugo. Temos que querernos e valorarnos. Nós non somos un grupo universal, pero estamos falando dun auditorio en Lugo, non en Londres ou Madrid. Estamos falando de Lugo, que é o sitio onde ensaiamos, onde realizamos a nosa labor fundamentalmente. Aínda que houbo xente de fóra da provincia, somos un grupo lugués no que houbo homes e mulleres.

 —Se lles dan o seu nome estaría ben escoitar a Fuxan no auditorio.

—Primeiro hai que saber o que hai, e logo xa se verá. Que leva o noso nome? Estupendo. Que non o leva? Pois que se abra e se empece a facer programación nel, que é o que fai falla.

—Que tipo de programación?

—Toda a boa música que se está facendo hoxe en Lugo debe ter cabida nese auditorio. Igual que a que se está facendo en Galicia. Ten que ter cabida dende a tradicional á clásica, os solistas ou a sinfónica, a ópera, a danza, o folk… E logo, coma todo, traer a figuras de referencia internacional. En Lugo tamén temos dereito a escoitar a mellor música.