Docentes e alumnos de Lugo estudan a presenza do galego nos camposantos lucenses

la voz LUGO

LUGO CIUDAD

Docentes e alumnas no camposanto das Saamasas, en Lugo cidade
Docentes e alumnas no camposanto das Saamasas, en Lugo cidade CEDIDA

Son dous equipos, do IES Ánxel Fole e do IES Trapero Pardo, que analizan os cemiterios parroquiais dos municipios da capital e de Castro de Rei

10 nov 2024 . Actualizado a las 13:39 h.

Un grupos de docentes e alumnos e alumnas do IES Ánxel Fole de Lugo cidade e do IES Trapero Pardo de Castro de Rei levan anos analizando a presenza do galego nos cemiterios parroquiais de ambos municipios. Os resultados están a dar froitos e forman parte de traballos que xa foron presentados a nivel científico, e ademais seguirán na mesma liña de traballos no futuro.

O pasado 15 de outubro de 2024 celebráronse no Consello da Cultura Galega (Santiago de Compostela) os 26 Encontros para a Normalización Lingüística, que, baixo o lema «Vivir e perdurar na nosa lingua», onde analizaron o emprego do galego nas comunicacións relacionadas coa morte (necrolóxicas, epitafios, cerimonias civís e relixiosas etc.).

Ademais de outras achegas, alí presentouse o proxecto Cartografía do uso do galego nos camposantos, elaborado polo xornalista David Canto Veiga a partir dos datos recollidos por numerosas persoas en distintos lugares de Galicia, o occidente de Asturias, O Bierzo (León) e As Portelas (Zamora). Neste momento, o traballo, que fica aberto á colaboración cidadá, contén información de arredor de 150 cemiterios.

Entre eses camposantos atópanse os revisados polas profesoras lucenses Ana Rodríguez Barreiro, Lines Salgado Iglesias (as dúas, do IES Ánxel Fole) e Beatriz López Dourado (do IES da Terra Chá, José Trapero Pardo). Estas docentes levan a cabo unha intervención didáctica destinada ao estudo do patrimonio documental nos cemiterios e nas actuacións de carácter funerario, con explicacións teóricas dentro das clases mais tamén con saídas educativas.

Dous artigos publicados

Así, por exemplo, no IES Ánxel Fole inspeccionaron nos últimos anos os camposantos parroquiais da cidade de Lugo (San Lázaro da Ponte, Santiago das Saamasas, San Lourenzo de Albeiros e San Pedro Fiz de Muxa) na procura de inscricións (de defunción ou de propiedade dos panteóns) redactadas en galego, actividade sobre a que poden consultarse, no blog do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do centro, os artigos “Galego alén da morte” e “Galego alén da morte (II)”.

Docentes e alumnas no camposanto de San Fiz, en Lugo cidade
Docentes e alumnas no camposanto de San Fiz, en Lugo cidade

Neste curso propóñense traspasar os límites da cidade e continuar a pescuda polas parroquias rurais do concello de Lugo. Tarefa semellante desenvolverán no IES da Terra Chá, situado nun concello, Castro de Rei, no que precisamente se rexistran algunhas das porcentaxes máis elevadas de utilización da lingua galega nas inscricións funerarias. En concreto, na parroquia de Santa Locaia, dun total de 274 familias decantáronse polo idioma propio de Galicia 52, o que representa un 18.9 %, proporción moi superior á media galega.