Foliada e magosto en Lugo: «Contaremos cuns 130 músicos e uns 60 quilos de castañas»
LUGO CIUDAD

Óscar Pérez, presidente da Asociación Cultural Os Xílgaros de Lugo, explica que a cita, que será o día 9 no restaurante Yaldara, bate récord de participación de grupos tradicionais na súa décima edición
30 oct 2024 . Actualizado a las 09:25 h.Como cada ano por estas datas, e xa van dez, a Asociación Cultural Os Xílgaros de Lugo organiza un popular magosto e unha foliada. Nesta ocasión, na que cumpren unha década, a cita terá lugar o sábado 9 no restaurante Yaldara, situado no polígono industrial das Gándaras, en Lugo. A celebración, que comezará ás 19.00 horas, está aberta a todo o mundo. O gaiteiro Óscar Pérez é o presidente da asociación e o director do grupo tradicional Os Xílgaros de Lugo, que leva once anos recuperando e espallando a música tradicional. Recentemente, mesmo publicaron un disco, Os Xílgaros de Lugo. A volta da festa. 10 anos, con cancións tradicionais e algunha de composición propia, como Polkmuiñeira de Vilares, Muiñeira de Fermín e o Pasodobre de Castelo, da autoría do propio Óscar Pérez.
—En que consiste a foliada-magosto?
—Esta é unha cita recoñecida entre os lucenses e tamén entre xente de fóra da provincia. Trátase dun evento 100 % cultural e tradicional, consolidado, ao que cada ano asisten máis persoas, tanto músicos como público, para gozar dunha xornada de outono chea de tradición, castañas, música, baile, canto... Participan varias asociacións e grupos tradicionais, tanto de Lugo como de outras comarcas galegas. O obxectivo é lograr reunirse uns cantos grupos e asociacións culturais celebrando unha festa tan tradicional como é o magosto, e con música galega. Outra finalidade é que poida asistir xente que está empezando a tocar, ou incluso que lle apetece entrar a formar parte da asociación Os Xílgaros de Lugo. E tamén é unha boa maneira de facer amizades e integrarse no mundillo da música galega.
—Como será o programa deste ano?
—Nesta décima edición bateuse o récord de inscricións de grupos, ata completar un total de 9 agrupacións, incluída a organizadora, e tamén récord de colaboradores (Yaldara, Tecelana Tradición, Bolboreta Fiandeira, Arcoiris Musical, Cantina Mustallar, Carmen López ARtesanía, Musical Muralla, Sanín Percusión Tradicional e ASA-SON). No tocante ás agrupación, participamos nós, Os Xílgaros de Lugo; Os do 21, de O Vicedo; O Trespés, de Chantada; Fol do Raxal, de Cervo; Arume de Burela, de Burela; Nubeiro / Son Galego, de Lugo; Os Tarabelos do Saviñao, de O Saviñao; e o Grupo Río Miño, de Portomarín. En total, temos confirmados uns 130 músicos, só contando aos dos grupos, e uns sesenta quilos de castañas, que se repartirán de balde entre todos os asistentes. Calquera pode asistir, non é necesario anotarse. Ademais, trala actuación dos grupos, haberá sorteo de regalos e foliada aberta, onde poderán tocas todos os asistentes.
—De onde traen as castañas?
—Buscámonos a vida. O ano pasado acabáronse os 45 quilos de castañas nunha hora, así que este ano temos que levar moitas máis. Eu vou polas feiras, a Praza de Abastos de Lugo, Monterroso, Castro de Ribeiras de Lea... e búscoas da mellor calidade. Ademais, escollémolas unha a unha o día anterior ao magosto.