Nace un novo festival en Lugo: «Queremos afianzar o tecido cultural tamén en época invernal»
LUGO CIUDAD
O director do evento, Manu Fernández, conta que Pista Extra será o 30 de novembro no Pazo de Feiras, con música alternativa de punk, rock, ska e rap galego e internacional
23 oct 2024 . Actualizado a las 13:08 h.Lugo estreará un novo festival o 30 de novembro. Trátase de Pista Extra, centrado na música alternativa de punk, rock, rap e ska, tanto galega como nacional e internacional. Esta nova cita cultural, que nace ao abeiro do festival da Candeloria que se celebra na primavera, terá lugar no Pazo de Feiras e Congresos e contará cunha decena de concertos, feira, sesión vermú, servizo de autobuses, foodtruck, pasabares..., con actividades de balde e de pago. As entradas están á venda en www.acandeloria.org. Manu Fernández, director do festival, dá todos os detalles sobre este novo evento musical.
—Como xurde este novo festival?
—É como unha continuación da Candeloria, que celebrou o seu décimo aniversario. E a idea xurdiu porque queremos afianzar o tecido cultural de Lugo tamén na época invernal, desestacionalizando a temporada de grandes eventos. Estaremos case metidos no inverno, pero queremos transmitir a idea de que segue habendo iniciativas culturais na comarca aínda que acabase o verán. Ademais, continuamos fieis ao noso estilo e aos valores da Candeloria.
—Que destaca da programación do festival?
—O obxectivo é contar coas mellores bandas: a Banda Bassotti, un grupo italiano de ska punk que nunca veu a Lugo; El Drogas, ex de Barricada; Non Servium, a banda de Móstoles que presenta Criatura; Def Con Dos, que elixe Galicia para dar o seu último concerto da xira Mutantes pal pueblo; os galegos Familia Caamagno; o dúo valenciano Machete en Boca; a banda Ruxe Ruxe; a brass band feminina Brassica Rapa; e o DJ Jordi Pánico, que xa é coma da casa. Ademais, imos ter un pasarrúas con cantos de taberna, baixo o nome de pasabares, que será gratuíto, polo barrio da Ponte, e que contará con Brassica Rapa.
Por outro lado, o día anterior, o 29 de novembro, o grupo galego Dakidarría presentará o documental Seguimos en pé, sobre o vixésimo aniversario da banda. Será ás 20.30 horas no C.S. Madia Leva, con entrada de balde.
—Canta xente agardan nesta cita?
—Pois tendo en conta que levamos o 75 % das entradas vendidas, estimamos que encheremos o recinto, con arredor de 3.500 persoas.
—Virán moitos fieis da Candeloria?
—Si, contamos con iso. A Candeloria é un festival que se converteu nunha cita que vai máis alá da música, é un espazo de reencontros e de cultura.
—Hai datas para a próxima edición da Candeloria?
—Si, terá lugar os días 4 e 5 de abril do 2025.