Publicada a programación para escolares nos museos da provincia
04 sep 2024 . Actualizado a las 12:53 h.Coincidindo cos preparativos para o inicio do curso escolar, a Rede Museística Provincial pon a disposición dos centros escolares a súa programación para o curso 2024-2025, con multitude de propostas tanto presenciais como virtuais elaboradas a partir dos fondos do Museo Provincial de Lugo, o Museo do Mar de San Cibrao, o Museo Fortaleza San Paio de Narla e o Pazo de Tor.
O obxectivo é achegar, un curso máis, o patrimonio conservado nos museos ao alumnado a través dun conxunto de actividades, deseñadas para cada etapa —infantil, primaria e secundaria— a partir da experiencia e da investigación educativa que se desenvolve nos museos provinciais.
A deputada de Cultura, Iria Castro, e a xerente da Rede Museística, Encarna Lago, presentaron o catálogo de actividades no Pazo de Tor, coincidindo coa celebración dun obradoiro «En tempo presente», no que profesionais de museos compartiron e intercambiaron experiencia na xestión do tempo e na realización de proxectos. Castro subliñou «o traballo que realiza a Rede ano tras ano para crear vínculos coa comunidade educativa e ofrecer propostas e materiais que relacionan as coleccións e espazos do museo coa súa vida e procesos de aprendizaxe, e que contribúen a sensibilizar na conservación do patrimonio e da memoria». Lago destacou que se trata dunha planificación baseada «na innovación educativa» que afonda na idea dun «museo educador, que fomente a aprendizaxe integral e impulse o pensamento crítico e a investigación».
Os temas
A programación artéllase arredor de catro eixos temáticos: recuperación de historias esquecidas, fomento da igualdade, dereitos culturais e migración. E inclúe distintos itinerarios e obradoiros para visitas presenciais ou virtuais aos distintos museos da rede ao longo do ano, en función das etapas educativas.
Algunhas das propostas formúlanse a partir de «caixas de aprendizaxe», que inclúen recursos e contidos elaborados pola Rede Museística para que o profesorado poida empregar na aula como ferramenta flexible e multidisciplinar para traballar a educación en valores a través das coleccións dos museos.
O catálogo pode consultarse en www.comunidadermpl.es. Poden realizarse consultas e concertacións en concertacionsrmp@gmail.com e no 982 242 112.