Sés volve ao San Froián

L.G.C. LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Concerto de Ses no San Froilán do 2017
Concerto de Ses no San Froilán do 2017 OSCAR CELA

A cantante e compositora ofrecerá un concerto no día central das festas de Lugo

02 sep 2024 . Actualizado a las 12:37 h.

Sés, unha vella coñecida das festas do San Froilán, volverá actuar este outono nas patronais de Lugo. A cantante e compositora ofrecerá un concerto o domingo 6 de outubro a partir das dez da noite na Horta do Seminario, un dos puntos neurálxicos das celebracións.

«Sés é unha das voces máis relevantes na música galega, que formará parte da programación do Domingo das Mozas, unha data dedicada cada ano á nosa cultura», debullou a concelleira Maite Ferreiro, responsable da área de Cultura e da organización dos festexos. A intención da comisión é deseñar unha «programación musical diversa para que todas as persoas que viven en Lugo ou nos visiten sintan que estas festas son súas e que a nosa veciñanza se sinta orgullosa de ser de Lugo».

Sés xa ten experiencia no escenario do San Froilán. Formada no baile e na música tradicional galega, no ano 2007 creou xunto a outros tres amigos o grupo Chámalle Xis!, unha banda revelación daquel ano que ofreceu máis de 30 concertos por tada Galicia. No 2010 chegaría a gravación dunha maqueta con tres temas que daría pé, uns meses máis tarde, ao primeiro álbum de estudo da artista, Admirando a condición. Logo chegarían Co xenio destrozado, Tronzar os valos, Opoñerse á extinción, Rabia ao silencio ou Liberar as arterias.

A pouco máis dun mes para que comece o San Froilán, xa se coñecen varios concertos:

Venres, 4 de outubro

22:00 h. Horta do Seminario: Fillas de Cassandra.

23:00 h. Praza de Santa María: La Perra Blanco.

Sábado, 5 de outubro

22:00 h. Horta do Seminario: Dollar Selmouni.

Domingo, 6 de outubro

22.00 h. Horta do Seminario: Sés

Luns, 7 de outubro

21:00 h. Praza de Santa María: Club del Río.

Martes, 8 de outubro

21:00 h. Praza de Santa María: María Rodés.

Xoves, 10 de outubro

23:00 h. Praza de Santa María: Triángulo de Amor Bizarro.