«Lugo Blues», de Claudio Rodríguez Fer, un clásico da literatura galega contemporánea
LUGO CIUDAD
A obra do poeta, profsor e intelectual lucense, de 1987, foi reeditada pola editorial Alvarellos
01 sep 2024 . Actualizado a las 11:48 h.Un dos acontecementos literarios de Lugo neste 2024 foi a reedición dun clásico contemporáneo: «Lugo Blues», obra de Claudio Rodríguez Fer cuxa primeira edición data de 1987 e que a Editorial Alvarellos reeditou este ano, con éxito nas feiras do libro galegas. Trátase dun libro de culto, e os seus versos —que percorren a memoria persoal do autor mais tamén interpelan á nosa memoria colectiva— foron creando vontades literarias na cidade amurallada.
Agora, case corenta años despois, Rodríguez Fer revisou e ampliou o libro con numerosos poemas, e que incorpora ademais o suxestivo traballo artístico de Sara Lamas.
«É un Lugo fondamente emocional e vital, un Lugo sentido como refuxio, mais tamén un Lugo dende o que trazar a medida do mundo», sinala o autor, que ademais recoñece que é a memoria histórica dunha cidade onde comparecen Pimentel, Lorca, Ángel Johán, Juana Capdevielle, Urania Mella, o doutor Vega Barrera ou Díaz Baliño, «entre moitos outros daquela tribo dos vencidos, mais nunca derrotados».
Como moitos dos poemarios de Fer, en «Lugo Blues» están vixentes os motivos máis persoais do autor, nunha fermosa declaración de amor á súa cidade e ás persoas que a fixeron máis humana e democrática, así coma un retrato persoal dos espazos máis íntimos do autor: a Muralla, o colexio, o Parque Rosalía de Castro, a Praza Maior, a estación ou o instituto.
Rodríguez Fer tamén aproveita esta reedición para lembrar ás persoas que amou e ama.