A Xunta acondicionará o entorno do xacemento de fornos próximo á Tinería, á espera de máis melloras

l.g.c. LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

cedida

Cambiará varandas e o xeotextil que cubre os restos arqueolóxicos

01 ago 2024 . Actualizado a las 18:32 h.

A Xunta, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), acondicionará en Lugo as parcelas situadas entre a Rúa dos Fornos e o Recanto do Miño, que delimitan un relevante achádego arqueolóxico. O goberno autonómico comezará eliminando os elementos que se instalaran durante a escavación e que provocan un impacto visual negativo sobre a Muralla.

Foi o colectivo Lugo Monumental o que solicitou á Xunta a mellora estética da zona, á espera de que se desenvolva a Unidade de Intervención 7, que está próxima, e que permitirá determinar o uso dese espazo.

Neste momento estanse a tramitar os permisos da primeira actuación, que se fará de xeito inmediato e que consistirá en substituirá o peche de lamas de madeira situado xunto ao adarve a por unha varanda metálica integrada e permeable. Explican dende o goberno autonómico que a nova instalación «manterá o deseño e materiais doutras xa existentes, como a das escaleiras do cubo XVIII, e permitirá a visión do entorno desde o monumento».

A varanda terá un metro de alto e redondos en aceiro galvanizado con pintura efecto forxa de acabado negro. Tamén se desmontarán dous postes metálicos situados nunha das parcelas.

Para a seguinte fase da intervención, que o IGVS prevé para o outono, «substituirase o valado de chapa galvanizada que delimita todo o perímetro por outro de madeira. Por último, reforzarase a protección dos restos arqueolóxicos cambiando a lona xeotéxtil que os protexe e realizarase un aporte vexetal para regularizar o terreo».

Trátase, dixo Javier Arias, «de actuacións provisionais que perseguen un resultado estético acorde co contorno, dado que non se pode deseñar un proxecto definitivo en tanto non se produza o desenvolvemento urbanístico desta área».

Latorre valorou positivamente a intervención e que se actúe nun punto tan icónico da cidade. No encontro, celebrado onte na Xunta, tamén participaron o xefe do Departamento Territorial de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, Marco Antonio Fernández, e a voceira do PP no Concello, Elena Candia.