Nenea, educando cos pés na terra

Iria Pombo, M.G. LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Cedida

A primeira «Escola na Natureza» de Galicia vén de comezar o seu campamento de verán. Sitúase no epicentro das Terras do Miño, en plena reserva da biosfera lucense

12 jul 2024 . Actualizado a las 20:32 h.

O Campamento Nenea comeza a súa segunda semana de actividade en xullo. As accións, realizadas en plena natureza, seguen a liña do seu particular proxecto educativo. «Achegarémonos á linguaxe das plantas, aos seus segredos, ao seu coñecemento ancestral, cociña, apócemas, cremas, tinturas... E moito máis viviremos esta semana, sempre con moito xogo nesta contorna privilexiada», afirman no seu perfil de Instagram. 

«Que a infancia se beneficie de todas as vantaxes do contacto coa natureza»

Está dirixido a cativos de entre 3 e 9 anos. Dende Nenea permiten que os máis pequenos gocen dos bosques de Lugo o tempo que queiran, xa que a duración do campamento é de unha a catro semanas. Os prezos varían segundo os días de matriculación, puidendo profundizar no «recoñecemento de insectos, búsqueda de rastros, roteiros guiados, observación de aves, obradoiros de creación, contos e cantos». Así o indica o equipo pedagóxico no seu cartaz. 

A primeira Bosqueescola

A asociación educativa Nenea nace no ano 2014, convertíndose no primeiro proxecto educativo de Escolas no Bosque en Galicia. Diríxese a crianzas de entre 3 e 6 anos, polo que equivale á etapa de Educación Infantil. Ubícase «nun lugar privilexiado», segundo a propia Nenea, «na antiga Escola Unitaria de San Xoán do Alto», a escasos 6 quilómetros do centro de Lugo.

Ademais, o pasado sábado tivo lugar a celebración polo noveno aniversario de Nenea. A festa contou coa participación das familias, do persoal docente e dos colaboradores que forman parte da esencia da escola. Participaron numerosas empresas de Lugo, que amenizaron a xornada con actividades lúdicas para os cativos. Tamén se incluiu un contacontos e unha actuación musical, así como un obradoiro de arte biodegradable.

Familias e persoal docente de Nenea gozan dunha xornada lúdica polo noveno aniversario da escola
Familias e persoal docente de Nenea gozan dunha xornada lúdica polo noveno aniversario da escola

Nas bosqueescolas as actividades educativas desenvólvense ao aire libre, aproveitando os recursos e a contorna natural das Terras do Miño. Pero nos días de choiva non deixan que os nenos do bosque estean mollados e collendo frío. «Temos un espazo axeitado para pasar os días nos que a climatoloxía é moi adversa ou que o benestar do grupo precisa entrar. Unha aula con paredes e teito que nos facilita moito o desenvolvemento do día a día no bosque», aseguran dende Nenea. Como o resto de colexios, veñen de abrir o seu período de matriculación para o vindeiro curso 2024-2025. 

Un proxecto educativo para andar na terra

«As nosas accións son diferentes porque nos adaptamos ás características do grupo e ao que nos ofrece a vida», destacan na súa páxina web. O seu cole é o propio bosque e «a natureza é a nosa aula». Respectando o currículo legal, intentan fomentar unha serie de valores e crenzas que vinculen aos cativos á terra. Insisten en afianzar no seu alumnado a concienciación medioambiental, o pensamento crítico, a creatividade, a autonomía e a autoconfianza.

Nenos do bosque da escola Nenea, en Lugo, aprenden no medio da natureza
Nenos do bosque da escola Nenea, en Lugo, aprenden no medio da natureza

«O noso proxecto pedagóxico desenvólvese tendo en conta un enfoque curricular transversal que conecta as diferentes áreas do currículo oficial de Educación Infantil cumprindo coas esixencias requiridas», indican. O seu modelo bebe os proxectos educativos Waldorf, Montessori ou das Galescolas de Galicia, desaparecidas no 2009.