A música volve encher este verán a Praza da Mosqueira de Lugo

la voz LUGO

LUGO CIUDAD

Presentación do ciclo musical na Mosqueira
Presentación do ciclo musical na Mosqueira Cedida

Ata 21 agrupacións musicais participan na quinta edición do ciclo  Muralleando

02 jul 2024 . Actualizado a las 21:43 h.

O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo e a concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, presentaron a quinta edición ciclo de concertos Muralleando, que abrirá a Praza da Mosqueira ás distintas agrupacións musicais de Lugo.

En total, 21 agrupacións mostrarán a súa música con concertos gratuítos que terán lugar os venres e sábados, a partir das 20.30 horas, entre o 5 de xullo e o 31 de agosto.

Rubén Arroxo lembrou que «os concertos do Muralleando apareceron xusto despois do confinamento, no ano 2020, co obxectivo de animar con música os distintos paseos das veciñas e veciños ao redor da Ronda da Muralla e ao mesmo tempo colaborando co tecido cultural local, que vira anulados moitos eventos».

Arroxo destacou que a praza da Mosqueira «permite organizar actividades culturais e de ocio respectando a visión da gran concentración de patrimonio que hai nesta zona», en referencia á propia Mosqueira e ao edificio racionalista do arquitecto Eloy Maquieira.

O Tenente Alcalde explicou que «catro anos despois xa está consolidado como unha das actividades culturais máis importantes para os meses de verán, converténdose no punto de encontro das agrupacións locais, mantendo a Muralla como protagonista ao celebrarse na Praza da Mosqueira, un dos espazos máis importantes na programación cultural».

Programación

En xullo: Día 5, Banda Filarmónica. Día 6, Caivanca. Día 12, Minton’s Jazz. Día 13, Lora hace Pam e Foolans. Día 19, Virtua Tennis. Día 20, Fruit Juzz. Día 26, Man de Santo. Día 27, Skarapotes.

En agosto: Día 2 , xornada dedicada a hip-hop: Suzzu, NP, Sozat, Shawn Frost e Rodri. Día 3, Condensadores de Fluzo. Día 9, Perguizán. Día 10, Vrasica. Día 16, Iria Estévez. Día 17, Mustélidos. Día 30, Panosedán. E día 31, Jade.