A vida coma sistema caótico

LUGO CIUDAD

14 may 2024 . Actualizado a las 18:16 h.

A atmosfera, segundo nos contan, é un sistema caótico, o que significa que é difícil predicir o seu comportamento, especialmente a medio prazo, completamente imposible a medida que se alonga.

Para moitos de nós, a primeira explicación da teoría do caos foi aquela que, a xeito de técnica de sedución, despregaba Ian Malcolm en Parque Xurásico alá polo 1993: a pinga que esvaraba pola man de Ellie Sattler non o facía dúas veces da mesma maneira: o seu curso era impredicible como resultado de mínimos cambios, lixeiras imperfeccións. Pequenas variacións que, como dicía con voz grave e sedutora Ian Malcolm, «nunca se repiten e afectan moito ao resultado». Transcorridos máis de 30 anos, aquela xeración que encheu os cinemas para ver o fenómeno cinematográfico do ano coido que chegou a comprender, en propia carne, aquela teoría e mesmo a decatarse de algo no que, daquela, seguramente non repararon: que a vida é, en si mesma, un sistema caótico.

Que salvaxe e brutal resulta a idea de que, se volvesen lanzar os dados que nos trouxeron á existencia, o transcurso da nosa vida podería ter sido radicalmente diferente: pequenas microvariacións (pequenos factores que nunca se repiten) terían dado lugar a outra historia. E o mesmo acontece no plano colectivo. Por iso outro concepto ao que nos afixemos é o do «contrafactual», aquilo que non foi pero podería ter sido: unha outra dirección pola que podería terse decantado a pinga. Aquí estamos, vivindo día a día esta nosa continxencia, coa nosa necesidade de sentido bastante ferida; máis, pola contra, coa sorpresa e o abraio baixo constante estímulo. Cada elección, malia todas as estatísticas, trae consigo unha sorpresa. Ou é que alguén podería ter predicido que un grupo de monxas clarisas de Burgos protagonizaría un cisma fronte á Igrexa de Roma?