O mapa de Fontán, a xoia da xeografía que se pode ver en Lugo

XOSÉ A. POMBO

LUGO CIUDAD

Imaxe do mapa de Fontán que se pode ver no IES Lucus Augusti, en Lugo.
Imaxe do mapa de Fontán que se pode ver no IES Lucus Augusti, en Lugo. OSCAR CELA

No IES Lucus Augusti exponse a carta xeométrica que describe Galicia de xeito preciso

13 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O lector recordará que nos tempos escolares a trigonometría podía ser obxecto de non poucas ocupacións e algunha preocupación. Entender o sistema mediante o que se indagaba a superficie do triángulo coñecendo un ou dos lados e un ou dous ángulos obrigaban a recordar fórmulas onde entraban os conceptos de seno, coseno e tanxente.

O interese no asunto de superficies triangulares podía aumentar se o docente explicador tiña a habilidade de baixar da teoría aséptica á realidade práctica. Supoñamos que o escolar tiña unha leira, unha eira ou un xardín e que debía saber cal era a súa superficie. Como o predio tiña forma irregular, o profesor ensinaba primeiro a tomar as medidas correctas de marco a marco, logo a descompoñer a figura así obtida en triángulos e finalmente a calcular a superficie de todos e cada un dos triángulos. Tras comprobar datos, cálculos e que as fórmulas empregadas eran as correctas, obtíñase o resultado e xa se coñecía a superficie que se pretendía calcular.

Chegados a este punto, o avisado lector xa se decatou de cal é a relación entre a aprendizaxe das matemáticas do escolar moderno e o mapa de Fontán. Pero antes de ir máis alá cómpre pararse na figura de Domingo Fontán, o autor do mapa. Domingo Fontán naceu en 1788 na aldea de Porta de Conde (Pontevedra). Descendente dunha familia moi acomodada, recibiu as primeiras instrucións na casa dun tío cura que era protector de relixiosos franceses que ata alí chegaran escapando da Revolución.

Deles aprendeu idiomas e coñeceu avances científicos procedentes do país galo. Sendo moi novo marchou a Santiago e na súa universidade iniciou os estudos de Humanidades e de Ciencias Exactas, materias nas que demostrou un extraordinario aproveitamento. Con só 24 anos xa era catedrático auxiliar e ben axiña catedrático titular. En 1817, facendo uso dalgúns instrumentos da Universidade, coa bagaxe dos seus amplos coñecementos de trigonometría, de altimetría barométrica e outros, usando o sistema métrico, empezou a percorrer Galicia a cabalo para levar a cabo o proxecto de levantar un mapa que sería exemplo do bo facer topográfico durante máis de cen anos.

Boas comunicacións

Por tras estaba a idea de que para lanzar a economía do país eran necesarias boas comunicacións e de que para deseñar os trazados dos camiños necesitábase coñecer a topografía e que esta debía ser reflectida nun mapa preciso que sinalase cidades, vilas, parroquias, lugares, camiños, montes e vales, ríos e fontes de auga...

O proceso levou o seu tempo. Fixo un experimento inicial dende o pombal do pazo de Sobrecarreira (Cambre), no que, dende un punto fixo, mirando a través das xaneliñas por onde entraban as pombas e poñendo puntos fixos ao lonxe, medía os ángulos formados entre o seu posto e os lugares prefixados. Cos resultados así conseguidos puido concretar os métodos e cálculos que logo lle habían servir para facer os levantamentos topográficos que conformarían o mapa.

Para empezar os traballos precisaba un primeiro vértice xeodésico, un punto inmóbil e non perecedoiro dende o que iniciar os traballos: fixouno na torre da Berenguela, onde a través de observacións sucesivas dos astros puido fixar a súa latitude e a súa altitude. Tamén necesitaba unha primeira liña recta básica dende a que partir para trazar outras que permitirían formar os sucesivos triángulos imaxinarios e marcouna ao norte de Santiago, entre Boisaca e Formarís.

Para confirmar datos fixou unha segunda liña base, tamén de referencia para outras, e trazouna no Corgo. E por se houbese vontade de continuidade do mapa proxectado, tamén marcou outras rectas de referencia nas fronteiras administrativas de Galicia con Asturias, León e Zamora. O trazado e medida de rectas e dos ángulos nos que estas se cruzan en horizontal, en superficies planas, permite facer planos. Pero levantar un mapa no que é obrigado sinalar os accidentes orográficos, montes, serras,... precisa facer triangulación en vertical.

 Medindo presións

Outro dato a ter en conta foi o da altitude con respecto ao nivel do mar do lugar onde se encontraba e para iso Domingo Fontán contou coa inestimable axuda do seu irmán Andrés. Todos os días, á mesma hora, Domingo medía a presión atmosférica no lugar onde estivese e Andrés medía a presión a nivel do mar en Noia. Resulta doado comprender a gran cantidade de cálculos que foron necesarios para o labor emprendido e que foi imprescindible percorrer toda Galicia, a pé ou a cabalo, por montes e vales, por fragas e gándaras,... para trazar o que se denominou «Carta Geométrica de Galicia». Entre outros datos anotáronse 467 estacións xeodésicas, máis de 3.600 curatos e cinco catedrais.

Ata 1830, para redactar o mapa, Domingo Fontán non conseguiu os apoios oficiais e nese ano foi eximido da docencia. En 1834 os traballos estaban rematados e presentouse o primeiro manuscrito á raíña rexente, María Cristina de Borbón, quen autorizou a súa impresión. Pero as dificultades non acabaran. Precisábanse recursos económicos que non chegaban e era necesaria unha imprenta que dispuxese da técnica necesaria para imprimir un mapa de grandes dimensións.

Foi así que houbo que agardar a 1845 para que dunha imprenta de París, Lemercier, baixo a directa supervisión de Fontán, saíse a primeira edición das doce follas que, encaixando con perfección e cun tamaño total de 216 x 232 centímetros, deron forma ao mapa froito de moita ciencia e non pouco traballo. Levaba por título «Carta geométrica de Galicia. Dividida en sus provincias de Coruña, Lugo, Orense, Pontevedra y subdividida en Partidos y Ayuntamientos». Confeccionouse a escala 1:100.000.

 Deputado e administrador

Domingo Fontán tamén tivo participación noutros proxectos. Entre 1836 e 1843 foi deputado por Pontevedra, Lugo e A Coruña e administrou unha fábrica de papel en Lousame, preto de Noia. Nos últimos anos da súa vida puido comprobar como o seu mapa, os cálculos por el realizados, serviron de base para o trazado do primeiro ferrocarril de Galicia: o de Cornes (Santiago de Compostela) a Carril (Vilagarcía de Arousa). Se o lector lugués, por ser matemático ou curioso, quixese admirar un destes mapas, recordamos que hai un exposto no instituto Lucus Augusti (Lugo), outro no museo Sargadelos (Cervo) e outro máis no pazo de Tor (Monforte).

A precisión do mapa de Fontán non se viu superada ata 1950, cando as fotografías aéreas permitiron matizacións aos cálculos realizados cento vinte anos antes. Os restos do seu autor descansan, con merecemento, en San Domingos de Bonaval, no Panteón de Galegos Ilustres.