A Rede Museística pon en valor a sabedoría dos maiores de Lugo

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

As artistas Concetta Montenegro e Luisa Paz inauguraron unha exposición
As artistas Concetta Montenegro e Luisa Paz inauguraron unha exposición Óscar Cela

Unha exposición de Concetta Montenegro e Luisa Paz e un capítulo da webserie de Señor López abriron o ciclo de actividades do Proxecto 278,81 %, unha homenaxe ás vivencias e experiencias que compoñen a memoria viva da provincia

30 ago 2023 . Actualizado a las 09:20 h.

O envellecemento da poboación trátase habitualmente como unha eiva para a sociedade, que consume recursos e xera problemas. Unha percepción coa que a provincia de Lugo sae moi mal parada: por cada 100 mozos menores de 16 anos, hai 278 adultos maiores de 64. Unha estatística na que a Rede Museística Provincial viu un gran potencial e na que se inspirou para lanzar o «Proxecto 278,81 % de envellecemento sabedoría», que presentaron este martes na Deputación.

O obxectivo é virar a connotación negativa e despectiva das cifras, desterrar o idadismo e poñer en valor a sabedoría dos maiores e a riqueza que iso supón para a provincia. Trátase dunha homenaxe á acumulación de vivencias, saberes e experiencias que forxaron o tecido social desta provincia. «Os museos vivimos de rescatar a memoria; pero, se non rescatamos a memoria viva, para que servimos?», explica Encarna Lago, xerente da Rede.

Este proxecto enmárcase na museoloxía social e nesa filosofía da Rede de dar espazo a outras miradas e outros relatos, como levan facendo anos co Club Sénior. Esa vellez que a sociedade actual esquece «como se non todos camiñaramos cara a ela», hónrase desde a Rede «como tesouro de coñecementos acumulados, unha riqueza intanxible que merece ser valorada e compartida. Como bibliotecas vivas da nosa historia que teñen moito legado que deixarnos».

O dato do 278,81 % agocha «unha narrativa profunda de sabedoría gañada a través do tempo» e reflicte «o respecto que merece a xeración dos nosos maiores». Encarna Lago explica que «esta porcentaxe convídanos a deternos e mirar cara atrás, cara ás raíces que sosteñen e enriquecen ao longo dos anos».

«Os museos vivimos de rescatar a memoria; pero, se non rescatamos a memoria viva, para que servimos?», di Encarna Lago, xerente da Rede

As dúas primeiras accións do Proxecto 278,81 % lanzáronse onte na Deputación de Lugo. Por un lado, inaugurouse na sala de exposicións a mostra (Re) coñecer, con Recendos, de Concetta Montenegro, e Abstracción Lírica, de Luisa Paz, dúas irmás xubiladas que pintan desde nenas e que sempre compatibilizaron o seu traballo coa formación en pintura.

Tamén se presentou un novo capítulo de Historias soterradas: Ronsel de futuro, a web serie da Rede e Señor López Producións. A mirada dos sentidos fala de historias de vida e de superación. «Son diferentes iniciativas de persoas maiores, como homenaxe aos que saben, cunha mirada en positivo para entender que non podemos perder o patrimonio que temos», continúa Lago.