Desde este luns 21 e ata finais de agosto farase unha mellora do firme entre a Rúa Pomar e a Fonte dos Ranchos
22 ago 2023 . Actualizado a las 19:07 h.O tenente Alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que o goberno local comezará a traballar no novo asfaltado na avenida das Américas a partir do luns 21 de agosto, uns traballos que durarán todo o mes e que afecta ao tramo, que vai dende a Rúa Pomar ata a Fonte dos Ranchos. Deste xeito, o Concello dá continuidade ao traballo realizado no pasado ano, desde a conexión coa N-540 ata a Rúa Pomar.
Arroxo indicou que haberá algúns cambios no tráfico e nas liñas dos buses, confiando en que se produzan a menores molestias posibles. Nunha primeira fase, correspondente ao corte da avenida das Américas dende a Praza Fonte dos Ranchos ata a glorieta da Rúa Pomar, a saída da cidade distribuirase por dúas alternativas.
Rutas alternativas
A primeira delas corresponderase ao itinerario Rolda do Carme dende a Praza Fonte dos Ranchos, Marqués de Ombreiro, Rúa Alcalde Carlos V. Pimentel e glorieta da avenida das Américas. A segunda, comezará na Praza Fonte dos Ranchos, Rúa Doutor Ochoa, Rúa da Saúde e Rúa Pomar, na que se mudará o sentido da circulación.
Estes cambios afectarán ás liñas de buses 5DS, 5.1, 5E, 5.2, 8 e 11 que, logo de superar os tramos provisionais con parada nas rúas indicadas, se incorporarán de novo cumprindo o recorrido habitual.
A entrada á cidade pola avenida das Américas tamén se verá afectada. Dende a glorieta de confluencia con Rúa Pomar ata a dos Ranchos, a entrada a Lugo dirixirase pola Rúa Pomar, Rúa da Saúde, Rúa Río Ulla ? Rúa Azalea e Rolda do Carme, con cambio de sentido.