Hugo Sánchez: «Paréceme que en Lugo volve haber afección polo fútbol sala»

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Hugo Sánchez comezou a xogar ao fútbol sala en Lugo e logo chegou a ser profesional en Xapón.
Hugo Sánchez comezou a xogar ao fútbol sala en Lugo e logo chegou a ser profesional en Xapón. ALBERTO LÓPEZ

Afirma que é importante ter un equipo co que os rapaces se sintan identificados

21 ago 2023 . Actualizado a las 18:51 h.

O de dar patadas a un balón ten moitos matices. Por exemplo, Hgo Sánchez deu moitas, pero non xogando ao fútbol senón ao fútbol sala. Se alguén cre que no fondo é o mesmo, xente coma el ten abondos argumentos para explicar que son deportes distintos por máis que se pense que soamente cambian algunhas pequenas regras. O que si queda nel, coma en moita xente que ten practicado fútbol ou outros deportes, é a satisfacción de terlle dedicado horas e horas aos adestramentos e aos partidos.

-Moitos rapaces xogan ao fútbol e logo chegan máis ou menos lonxe nas súas traxectorias. Vostede escolleu o fútbol sala. Por que?

-Comecei con seis anos. Daquela estaba o Prone Lugo. Meu pai xogara [ao fútbol sala] de pequeno. Comecei e gustoume. Xoguei dous anos ao fútbol, e cando comparei, vin que me gustaba máis e se me daba mellor o fútbol sala. Non tiven dúbidas para elixir o fútbol sala.

-Era menos visible o fútbol sala cando vostede xogaba do que o é hoxe?

-Non sabería moi ben o que dicir. Cando comecei, no Azkar estaban Fernandinho, Riquer... Era xente de máis renome ca a que hai agora, e daquela botábanse na televisión máis partidos ca agora.

-Un xogador de fútbol e un xogador de fútbol sala son no fondo o mesmo?

-Non. Un xogador de fútbol sala é, polo xeral, máis técnico. O xogo con balón, o concepto dos espazos ou os movementos son completamente diferentes, e non teñen nada que ver un e outro.

-Dá para vivir un deporte coma o fútbol sala?

-Depende do equipo no que xogues. Eu estiven quince anos en Primeira División, e o deporte daquela daba para vivir. Non é igual, claro, xogar no Barcelona ca no Azkar. Dáche para aforrar algo, pero tes que traballar despois. Eu estudei ADE e agora traballo. Non é o mesmo ca no fútbol.

-Nunca tivo arrrepentimento por elixir o fútbol sala e deixar o fútbol?

-Non. Dábaseme mellor e participas máis. No fútbol sala, con catro xogadores e cun porteiro, o contacto co balón é maior. No fútbol, en cambio, eu xogaba de media punta e tocaba o balón de cando en vez.

-É difícil que destaque o fútbol sala nunha cidade coma Lugo, onde hai un club de baloncesto e un de fútbol con décadas de historia?

-Lugo, na cultura deportiva, sempre foi unha cidade de baloncesto. Pode que iso influíse, non sei ata que punto. Non sei se aumentaría o interese polio fútbol sala se non existise o Breogán. Cando es neno e ves que na televisión xoga o Breogán e está en Primeira [División], iso inflúe.

-Deulle Lugo ao fútbol sala o recoñecemento que merece?

-O Azkar estivo en Primeira [División] e enchía o pavillón. Era unha época moi bonita, a xente coñecíate. Cando falta ese pulo, o deporte vai perdendo esa forza. Agora rexorde co Lugo Sala. Paréceme que en Lugo volve haber afección. Si é certo que iso depende moito de que haxa un equipo no que os nenos se vexan reflectidos e poidan chegar a xogar nel. Tamén creo , e ese é o recordo que teño, que nos colexis se xogaba ao futbito, e iso axudou. Creo que o deporte que máis se presta para xogar na nenez é o fútbol sala.

-Volvería xogar ao fútbol sala?

-Volvería. Custoume moito deixalo, pero apareceume un traballo nunha empresa. Sen ningunha dúbida volvería dedicarlle todo o tempo que lle dediquei.

Orixe. Hugo Sánchez naceu en Lugo en 1989.

Actividade. Xogou no Azkar. Os seus outros equipos en España foron o Benicarló, o Santa Coloma, o Burela e o Lobelle Santiago (hoxe Santiago Futsal). Tamén xogou tres anos en Xapón.

Actualidade. Estudou Administración e Dirección de Empresas, traballa nunha empresa de Padrón e vive en Santiago.

 «Ofrecéronme ir a Xapón seis meses, aceptei a oportunidade e pasei seis anos»

Xa non é raro que un deportista español xogue noutros equipos de Europa, e os baloncetistas teñen aberto o camiño da NBA. Hugo Sánchez foi algo máis lonxe e chegou a xogar en Xapón. Na súa estadía no Lobelle Santiago coincidiu cun técnico xaponés que viñera a Galicia aprender cuestións de fútbol sala. «Todas as semanas quedabamos para ver vídeos; aos dous gustánanos moito o fútbol sala. Cando saín de Santiago, el ofreceume a oportunidade de ir a Xapón seis meses; acepteina e pasei seis anos», lembra. A presenza de xogadores españois e brasileiros xa non resulta estraña alí, e Sánchez lembra que un un español, Bruno García, foi seleccionador naquel país.

-Foi moi grande o cambio de deixar Galicia por Xapón, supoño.

-Os primeiros meses paseino bastante mal, porque é un cambio cultural moi grande. Adestraba tres horas pola mañá, e ía catro horas pola tarde a unha academia para aprender o idioma. Conseguín falalo con fluidez e aínda o falo hoxe.

-Por que pode ser atractivo un partido de fútbol sala para velo nun pavillón ou pola televisión?

-É un deporte moi dinámico, non hai nin un segundo de descanso. O espectador pode sentir emoción, porque ata o derradeiro segundo do partido poden pasar cousas. A función do porteiro xogador é algo que non se dá noutros deportes. A emoción dun partido de fútbol sala, creo eu, é algo que non se dá noutros deportes.

-Como lle explica a un espectador que non coñeza moito as regras do xogo que todos os xogadores non teñen a mesma función?

-É certo que cada xogador fai un pouco de todo. Non é coma no fútbol, no que está todo moi delimitado. No fútbol sala todos fan un pouco de todo, pero tamén hai distribución de funcións.