Marisol Bravos, excoordinadora de Auxilia en Lugo: «Cando acabei Maxisterio déronme o certificado de subnormal por andar en cadeira de rodas»

CANDELA F. ROLDÁN LUGO/ LA VOZ

LUGO CIUDAD

A lucense Marisol Bravos.
A lucense Marisol Bravos. CEDIDA

A exdocente relata a súa experiencia vital con diversidade funcional no proxecto de Abanca «Historias vividas: el libro de tu vida»

28 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Marisol Bravos (Lugo, 1955) leva toda a vida loitando para que os que veñen detrás dela poidan acabar dunha vez por todas coas múltiples barreiras arquitectónicas, pero sobre todo sociais, que todavía lastran e limitan a vida das persoas con diversidade funcional.

A lucense, xa xubilada, decidiu contar a súa historia a través do proxecto de Abanca «Historias vividas: el libro de tu vida», no que a exdocente e excoordinadora da asociación Auxilia en Lugo, participou co seu relato «Unha historia de superación», que espera ademais revisionar para poder vendelo como unha obra autobiográfica proximamente. 

Marisol conta cunha minusvalía física dende os tres anos, cando sufriu a polio, polo que sempre andivo con bastóns e en cadeira de rodas, e, a pesar das enormes limitacións que se lle presentaron, ela sempre estivo disposta a «seguir loitando pola plena inclusión das persoas con alguna minusvalía na sociedade», asegura. Xa dende pequena, a lucense tivo que aprender a ler e a escribir dende a casa, porque daquela non foi aceptada na escola, e, máis tarde, foi ela a que traballou durante 37 anos ensinando a outros como mestra. 

 «O meu estado físico nunca me incapacitou para nada», di a lucense, que afirma que ela se fixo camiño a si mesma e a mitos máis para poder entrar nun mundo que non estaba preparado para a inclusión. E é que Marisol foi unha das primeiras persoas con diversidade funcional de Galicia en sacar o carnet de conducir ou en aprobar unha carreira universitaria, no seu caso de Maxisterio. «Cando acabei a carreira déronme un certificado de subnormal», afirma a docente, que todavía conserva o documento intacto. 

O certificado de subnormal de Maxisterio de Marisol Bravos.
O certificado de subnormal de Maxisterio de Marisol Bravos.

Marisol explica que, cando ela entrou á universidade, non se permitía presentar ningún tipo de minusvalía, e que ela foi unha das primeiras en loitar por poder exercer a súa vocación. «Imaxina ata onde chegaba a discriminación que ás persoas coma min non nos permitían coller ciencias porque as consideraban un ámbito demasiado elevado para nós», explica. 

Pero as barreiras que tivo que superar foron moito máis aló. «Para min, poder entrar hoxe na Biblioteca Pública ou na Deputación é un privilexio, aínda que non debería selo», di Marisol, que explica que, cando ela era nova, as compañías aéreas non se responsabilizaban das persoas con diversidade funcional. «Eu escondía os bastóns para disimular, pero é que sempre estuviemos relegados a unha situación moi humillante», sostén. 

Por todo isto, Marisol argumenta que a terminoloxía é un paso moi importante á hora de avanzar cara unha sociedade máis integradora, e que a única forma de aprender é a través da educación, tanto dende as casas como dende as escolas. «O feito de non poñer a palabra persoa diante dun disminuído ou dun discapacitado é algo que nos relega á categoría de cousas», afirma. 

Despois de estar ao fronte da asociación de voluntarios Auxilia de Lugo, que loita pola integración social e cultural de persoas con minusvalías, Marisol asegura que aínda queda moito por batallar pero, botando a vista atrás, recoñece que as melloras foron importantísimas. «O movemento reivindicativo non pode frearse agora, temos que seguir pedindo o que merecemos», conclúe a lucense.