Lugo, Ribeira e A Coruña acollen probas de selección na procura de aspirantes para o «Atrápame se podes»

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

LUGO CIUDAD

O presentador Paco Lodeiro nunha emisión do «Atrápame».
O presentador Paco Lodeiro nunha emisión do «Atrápame». tvg

Para todas as persoas interesadas que non poidan acudir, están habilitadas varias canles de comunicación para enviar a súa candidatura

26 abr 2023 . Actualizado a las 02:09 h.

O equipo do Atrápame se podes sae á rúa para achegarse ao seu público e darlle a oportunidade de acudir ao estudo de gravación. Lugo, Ribeira e A Coruña recibirán a visita dos casting para seleccionar novos concursantes. O mércores 25 de abril o proceso de escolla do programa instalarase na Praza Maior de Lugo. O xoves 26 na Avenida do Malecón de Ribeira, ao carón da oficina de turismo. Se chove mudarase a localización cara a Carpa municipal de usos múltiples, na rúa Galicia. O venres 27, por último, no Centro Comercial Cuatro Caminos de A Coruña.

O horario para participar será de mañá, entre as once e as dúas, e de tarde, entre as catro e as sete. O único requisito para presentarse é ser maior de idade. Para todas aquelas persoas interesadas que non poidan acudir presencialmente, tamén están habilitadas varias canles de comunicación para enviar a súa candidatura. Prégase que se engada un vídeo de presentación breve e os datos de contacto, incluíndo o nome completo, teléfono, idade, lugar de nacemento e ocupación, por WhatsApp ao 629 613 376 ou ao correo atrapamesepodes@crtvg.gal.

O concurso, presentado por Paco Lodeiro, emítese na Galega de sábado a mércores a partires das 22 horas. O bote xa está por riba dos 82.000 euros. «A ver se, parafraseando a canción de Luis Emilio Batallán, en vez de ‘aí ven o maio de flores cuberto', podemos dicir ‘aí ven o maio de cartos cuberto'», chancea o presentador

«Divertirse está ben, pero ollo que aos gañadores diarios xa lles temos dado 126.000 euros en total a razón de 200 por día e houbo quen levou un bote de máis de 12.000», continúa Lodeiro. Agora chega o momento de buscar o titular que pasará a historia. «Non me dá chegado o día de ver a noticia de que entregamos o bote económico más grande da historia da nosa televisión autonómica», conclúe o tamén cantante e produtor audiovisual.