Galego gratis para árabes, senegaleses ou ucraínos a cargo dun lucense: «Así se protexe a lingua»

Uxía Carrera Fernández
UXÍA CARRERA LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

O lucense Fran Pérez é biólogo, pero estudou ata seis idiomas e comparte as súas técnicas
O lucense Fran Pérez é biólogo, pero estudou ata seis idiomas e comparte as súas técnicas Óscar Cela

A demanda dos estranxeiros levou a Fran Pérez a encargarse das clases de galego, un biólogo de formación que estudou cinco idiomas

24 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Aqueles inmigrantes que chegan a Lugo, ben sexa dende Senegal ou mesmo dende Madrid, precisan entender galego para os trámites diarios pero tamén para coñecer ou formar parte da nova cultura que os rodea. Por esa necesidade crecente, o lucense Fran Pérez comezou a impartir clases de galego de balde no centro sociocultural A Hedreira. A idea xurdiu dalgúns dos propios colectivos estranxeiros e dende o centro, ademais de axudar, tamén é un xeito de «protexer a lingua». Biólogo de formación, o «mestre» lucense de 25 anos púxose ao frente da aula polo seu interese polos idiomas. Estudou catalán, italiano, portugués, inglés ou francés.

O centro A Hedreira naceu hai xusto un ano da man dun grupo de lucenses que quería ofrecer un espazo cunha oferta alternativa, tamén coa política presente. Contan con clases de costura, improvisación e ata «k-pop». Ademáis, tamén organizan eventos puntuais como charlas ou magostos. Nalgunhas destas citas participan outros colectivos, como a Asociación Saharauí de Lugo, a Asociación de Senegaleses ou a Asociación Rioplatense de Arxentina. Precisamente desta última trasladouse a idea de facer faladoiros de galego porque querían saber falar o idioma co que se topaban cada día.

«Era unha idea que eu xa tiña na cabeza, pero a verdade é que xurdiu deles», explica Fran Pérez. Polo contacto que este lucense tiña con persoas chegadas doutros países, notaba que había unha necesidade entre eles de entender o idioma co que os tratan nas administracións públicas e mesmo os seus amigos.

Así que este mes anunciou a posta en marcha de clases de galego de balde (os mércores, de 19.30 a 21.00 horas no centro), que se atopa no número 17 da Rúa Catasol. Fixeron o anuncio en galego, tamén en árabe e tíñano preparado en wólof, un idioma senegalés. Estas dúas nacionalidades, explica, son das máis numerosas en Lugo e das que máis dificultades teñen para aprender a lingua.

As clases están específicamente destinadas a inmigrantes, pode acceder calquer persoa e tampouco hai problema por chegar tarde. «Espertou bastante interese», asegura Pérez. Polo momento, acudiron ás dúas primeiras sesións persoas de Brasil, Senegal, Venezuela, Uruguai ou Madrid, aínda que tivo interese de ucraínos ou árabes para as próximas.

Os que xa falan castelán queren saber o idioma local; para os que non coñecen ningún, é o mesmo iniciarse a aprender calquera dos dous, e optan polo galego; e, por exemplo, para os brasileiros pode ter máis facilidade o galego que o castelán. 

Isto é o que se imparte nas clases

Ademáis de servir para a aprendizaxe dos estranxeiros, «aproveitamos para que teña unha función de normalizar a lingua e protexela». «De momento non é un grupo numeroso, pero estamos empezando, e así é máis cómodo para traballar», explica Pérez. 

O primeiro que di Fran é que non ten formación en galego ou en filoloxía, pero aclara que as clases d´A Hedreira teñen un «público diferente». Non é xente profesional que busca preparar o Celga, é dicir, un título oficial. «O que procuro é habilitar a xente migrante para que poida desenvolverse con normalidade en Lugo», argumenta. Pese a non ter coñecemento en filoloxía, si leva uns cantos idiomas aprendidos.

Estudou catalán, italiano, portugués, inglés e un pouco de francés. «Teño experiencia nas técnicas máis eficaces para aprender unha nova lingua». Así que no que se centran as sesións é en transmitirlle a estrutura do galego, cal é a lóxica respecto ao castelán, o portugués ou a lingua que falen, ou cal é a fonética. Tamén lles ofrece as cuestións básicas para que poidan aprender pola súa conta, como os recursos dispoñibles en redes. 

O lucense impartirá de momento as clases, pero ao facelo no centro sociocultural que se autoxestiona tamén está aberta a posibilidade de que haxa voluntarios. «Non van saír de aquí falando galego, porque iso require moito tempo estando en contacto co idioma», aclara. Pero si poderán dar os primeiros pasos e achegarse a lingua.