Regresa o Salón do Automóbil de Lugo con case 2.000 vehículos

REDACCIÓN LUGO/ LA VOZ

LUGO CIUDAD

A feira do automóbil no recinto ferial.
A feira do automóbil no recinto ferial. MANUEL GUEDE

O evento celebrarase do 10 ao 12 e do 17 ao 19 de marzo, de 11.00 a 21.00 horas, con máis de 20 concesionarios lucenses

08 mar 2023 . Actualizado a las 11:38 h.

Preto de 2.000 vehículos novos, semi-novos, de ocasión e quilómetro cero estarán dispoñibles no Salón do Automóbil de Lugo 2023. A mostra volta ao formato de dúas fins de semana despois de que no 2021 se celebrase Lugo Autoocasión, un formato de menor duración ao que asistiron case 5.000 persoas.

O certame organizado pola Fundación Feiras e Exposicións de Lugo, atraerá á cidade a milleiros de persoas, de toda Galicia e as comunidades limítrofes, interesadas nas novidades do sector da automoción. O recinto lucense converterase, do 10 ao 12 de marzo, no mellor lugar para comprar coche novo. E do 17 ao 19 de marzo, os interesados en valorar a compra dun vehículo de ocasión poderán facelo neste mesmo escenario.

A edición número XVI do evento, xa consolidado como un dos máis senlleiros do sector en Galicia, foi presentada este martes nunha rolda de prensa celebrada no salón de actos do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo.

Dende a xerencia do espazo celebran «a volta ao formato clásico, co aumento da oferta e oportunidades que supón para todas as persoas interesadas en mercar un vehículo», sinala Rubén López, o xente do Pazo de Feiras e Congresos.

Máis de 20 concesionarios de Lugo e provincia estarán presentes nos 10.000 metros cadrados de exposición nos que os asistentes poderán atopar modelos das principais marcas do sector. Ao respecto, López destacou que «o Salón do Automóbil de Lugo é un evento plenamente consolidado, que ano a ano, atrae a miles de visitantes interesados na adquisición dun vehículo novo ou de ocasión e será o escaparate das últimas novidades do mercado automobilístico, converténdose en elemento dinamizador e reactivador do mesmo».

Horarios e prezos

Durante os días de celebración do Salón do Automóbil de Lugo, do 10 ao 12 e do 17 ao 19 de marzo , as portas estarán abertas de 11.00 a 21.00 horas, en horario continuo. A entrada custará tres euros e dará dereito a acceder un día en cada fin de semana, e os nenos de ata 12 anos terán entrada gratuíta.

Dous sorteos de 3.000 euros

Co obxectivo de animar ao comprador, ademais das ofertas exclusivas e descontos especiais que só se poderán atopar neste Salón, convócanse dous sorteos de 3.000 euros para todo aquel que adquira ou firme un compromiso de compra dun vehículo do salón que custe máis de 6.000 euros.