A cociña galaico-portuguesa recala na cidade amurallada coa feira «Sabores do Eixo»

CANDELA F. ROLDÁN LUGO/ LA VOZ

LUGO CIUDAD

Lara Méndez durante a inauguración de «Sabores do Eixo».
Lara Méndez durante a inauguración de «Sabores do Eixo». Manuel Guede

A feira gastronómica continúa este domingo cos mellores produtos autóctonos, máis clases e exhibicións de cociña e música, de 11.00 a 21.00 horas

26 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Confituras de pato e licores do Barco de Valdeorras, galletas e tartas lucenses ou embutidos e queixos autóctonos. Son algunhas das mercadorías que esta fin de semana poderán adquirirse na Feira Gastronómica «Sabores do Eixo», ubicada no semisoto da Praza de Abastos, onde, dende onte, os veciños e visitantes xa poden levar os mellores produtos galaico-portugueses para a casa.

Centos de persoas visitaron onte a Praza de Abastos de Lugo, que ofreceu ademais un menú gastronómico de degustación, así como un curso para ensinar a facer francesinhas aos máis pequenos da casa, dous shows de cociña en directo e moita troula e música para amenizar un día cargado de gastronomía.

A alcaldesa, Lara Méndez, que inaugurou onte a mostra, quixo destacar que este evento «reúne o mellor da alimentación, da gastronomía do Norte de Portugal e tamén de Galicia. Acompáñannos cociñeiros, emprendedores e emprendedoras que atoparon nas súas orixes non só un medio de vida e unha saída profesional, senón tamén unha maneira de converterse en embaixadores da súa propia terra. Estamos moi orgullosos de acollervos a todas e todos aquí, na cidade de Lugo, con fama internacional precisamente polo seu bo xantar», afirmou a rexedora.

E é que á cita acudirán importantes cociñeiros de renome, tales como o chef da Escola de Hotelaría e Turismo de Porto e da Quinta do Casarao, Felipe Costa, ou Alejandro Méndez (Arrocería os Cachivaches) e Nardo Eiroa (Canedo Restaurante) xunto ao alumnado da Escola de Hostalaría Sanxillao.

Un dos cociñeiros durante a exhibición gourmet da feira gastronómica.
Un dos cociñeiros durante a exhibición gourmet da feira gastronómica. CANDELA F. ROLDÁN

O primeiro día, un éxito

Andrea López, a encargada do stand Carnicería Gourmet Brais, que vende embutidos galegos, asegura que «ata gora, houbo moita xente. Non esperabamos tanta concorrencia».

Do mesmo xeito, a produtora ecolóxica Ana Isabel, que ofrece todo tipo de verduras e froitas lusas, afirma que a feira está a ser «todo un éxito» e agarda volverá cidade amurallada máis veces, xa que di que a «a xente aprecia moito os nosos produtos».

Así, todos os amantes da cociña poderán volver este domingo á feira, que ofrecerá o mesmo itinerario, coa novidade dunha mostra cos mellores queixos galegos e portugueses de 11.00 a 21.00. Lugo convértese así no escaparate da excelencia gastronómica de Galicia e o Norte de Portugal coa celebración dun evento, no que colaboran tanto a Deputación Provincial como a empresa Hijos de Rivera.