Lara Méndez, alcaldesa e candidata do PSOE en Lugo:«Estou orgullosa de ter altura de miras e facer un proxecto a medio longo prazo»

Lorena García Calvo
lorena garcía calvo LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Lara Méndez, nas dependencias da alcaldía de Lugo
Lara Méndez, nas dependencias da alcaldía de Lugo ALBERTO LÓPEZ

A política defende que se está materializando o proxecto que arrancou hai oito anos

24 may 2023 . Actualizado a las 12:50 h.

Lara Méndez (Suíza, 1972) leva case oito anos como alcaldesa de Lugo e aspira a revalidar o cargo nas vindeiras eleccións. Fiel ás súas conviccións, mantense firme na folla de ruta que marcou no seu momento e que xira arredor dun modelo de cidade máis sostible e vangardista.

—Que nota lle poría ao mandato que agora remata?

—Cerca do sobresaínte, pero sempre hai marxe de mellora. As cidades son vivas e cando se cumpre unha necesidade xérase outra.

—De que se sinte máis orgullosa destes catro anos?

—Falamos dunha segunda gran transformación que se iniciou no pasado mandato cun modelo de cidade que establecín e que agora empeza a materializarse. Estou orgullosa de ter altura de miras e de facer un proxecto a medio e longo prazo, porque moita veces caemos no cortoplacismo, no día a día, que é necesario, pero temos que ter un proxecto de cidade para buscar as grandes transformacións. O crecemento e a xeración de riqueza das cidades faise con proxectos a medio e longo prazo.

—E cal é o seu debe?

—Sería no plano no que non só depende da administración local: as infraestruturas. Lugo ten que estar comunicada con Galicia e coa Meseta para non quedar illada. Nas ferroviarias demos un salto pero temos moitísimas necesidades. Eu, independentemente de quen goberne cada administración, fago as mesmas reivindicacións. Non buscamos a confrontación, como di a oposición, senón que reivindico as necesidades da nosa cidade.

—Como cambiou a cidade neste último mandato?

—Estase materializando a transformación que iniciamos hai oito anos. Vémolo coa conexión co río Miño a través da pasarela, o paso soterrado ou a peonalización da Calzada da Ponte, coa aposta para revalorizar O Carme, barrio complexo e esquecido. Tamén estamos facendo un traballo na transformación da mobilidade, outra forma de conectar, entender e vivir a cidade. Nese cambio de mentalidade vai tamén o cambio de hábitos.

—Hai quen considera que no barrio do Carme están facendo só un traballo de chapa e pintura.

—Estamos apostando polo barrio do Carme, algo que non se fixo nunca. Entendo que lle tocaba a pesar da complexidade urbanística e das sentencias que limitan as intervencións, algo que haberá que afrontar tamén para poder rehabilitar e actuar nas vivendas cun cambio normativo. Nós actuamos onde temos a competencia, que son as zonas públicas. Son moitas as cuestións que se foron facendo, como mellorar o patrimonio no Camiño Primitivo e a Vía Romana XIX, na posta en valor da cloaca, na praza do Carme, nas vías próximas, estamos poñendo en valor o coliving, ou na peonalización da Calzada da Ponte. Estes proxectos son o inicio da posta en valor do barrio.

—Unha das cuestións que máis lle afean é o carril bici. Vostede como valora o uso que está a ter?

—O carril bici é un instrumento máis no cambio de mobilidade, non un fin en si mesmo. É un instrumento que nos permite ir cara esa cidade pensada para as persoas. Estamos nun cambio de era e iso ten que ir acompañado de políticas, e as políticas ás veces teñen que ser valentes e decididas.

—Na cidade de Lugo hai barrios inseguros?

—Hai que contextualizar. Hai un fenómeno xeneralizado nas cidades e en concellos pequenos nos que se dan incidencias e non se pode xeneralizar. Os cargos públicos debemos actuar con responsabilidade e tentar atallar calquera problema que sexa, aínda que os ratios digan que seguimos sendo unha cidade segura. Con que haxa só un caso, a miña preocupación xa é solucionala. Non podemos estigmatizar a todo un barrio como o da Milagrosa para trasladar unha imaxe de inseguridade cando hai problemas puntuais nos que se está actuando. Levo actuando anos para atallar esta situación. Cando hai algún altercado, intervimos. Estase intervindo, reforzando, focalizando en puntos concretos nos que hai as problemáticas e non se pode estigmatizar por un fin electoralista. Podo entender á persoa á que lle toca vivir ese problema, empatizo con ela e estarei sempre ao lado dos veciños para resolver ese problema, pero non podemos estigmatizar.

—Cando comezou o mandato había proxectos importantes pendentes, como o derrubo do Garañón ou a apertura do auditorio, ou o 5 %PXOM, e aínda non se cumpriron.

—O mandato aínda non acabou e chegará algún proxecto a tempo. Eu estou na xestión directa e diaria dun mandato no que hai que contextualizar: Tivemos unha pandemia, unha guerra, a inflación, unha crise enerxética... e fomos quen de atender as cuestións urxentes e imprevistas, e o importante e o ordinario. Eu non estou en precampaña nin en campaña, estou na xestión diaria da cidade. Estamos traballando nese 5%, no derrubo do Garañón, cuxo proxecto de derrubo se presentou esta mesma semana, e agora seguimos avanzando tamén no auditorio, que foi unha herdanza envelenada dunha administración que tivo catro anos o edificio pechado e que non corroborou o funcionamento de instalacións básicas.

—Que pasos quedan pendentes?

—Unha vez presentado o proxecto, hai que darlle o visto bo do Concello e trasladarlles o mandato de inicio do derrubo. Pode ser cuestión de meses e pode chegar antes das eleccións.

—Como foi a experiencia de gobernar en coalición? Nalgúns momentos afloraron discrepancias.

—Temos unha relación cordial baseada nun pacto de goberno. O acordo programático está case cumprido na totalidade, e todo isto, no contexto que tivemos. Creo que foi un acordo e un goberno cordial e que tiña claro o horizonte, que era a folla de ruta que eu establecera no meu primeiro mandato.

—Como valora as enquisas?

—Todo está por dicir, a verdadeira enquisa será o 28 de maio. As enquisas demostran que o goberno é o mellor valorado, que se valora a xestión feita, que se visualiza a transformación, e que a oposición vai perdendo valoración e credibilidade por parte da cidadanía.

—Sorprendeulle que o PP apostara por unha candidata chegada dende Mondoñedo.

—O PP pode escoller ao seu candidato, nada que dicir, o que pode sorprender é que escollan unha persoa que non ten claro o seu compromiso. Se tivera claro que o seu compromiso é Lugo, no momento que anuncia que será a candidata, de maneira inmediata deixaría a súa acta de concelleira en Mondoñedo, pero segue manténdoa a día de hoxe.

—Como cre que pode cambiar o taboleiro o arquivo xudicial da causa contra Besteiro?

—Sempre cremos na inocencia de José Ramón, era un activo importante, temos unha militancia moi activa e capacitada e nós como partido queremos contar con todos. Entendemos que José Ramón aínda ten un horizonte no que pode xogar un papel importante no ámbito político de primeira liña e o que nos gustaría a moitos é velo activo na vida política onde el decida onde e se quere estar. O triste de todo isto é que tivera que dar o paso atrás, ademais a instancias de quen quere gobernar Lugo. Non só fixo dano a José Ramón e ao PSOE, senón á cidade de Lugo. Fixo que se ralentizaran proxectos, que inversores non escolleran Lugo, e iso levou moito tempo cambialo. Cando vexo por parte da candidata do PP o decálogo, fago un análise rápido e simple: ou xa se fixo, ou se está facendo ou é ilegal ou ten un plan oculto. O tema do IBI, que esta señora, que foi alcaldesa de Mondoñedo non o aplicou ben porque era ilegal e non podía, e ven prometer a Lugo o que non se pode facer. Ten un gran descoñecemento da cidade, ademais da lexislación.

—Cales son os proxectos que centrarán o seguinte mandato se renova a alcaldía?

—Seguir reivindicando as infraestruturas, Lugo ten que estar comunicado. Seguir avanzando na captación de investimentos. E para min o emprego é fundamental tamén dende o punto de vista social.