José Durán, adestrador do Bergantiños: «A salvación pasa pola casa, en facer de As Eiroas un fortín»

Melissa Rodríguez
melissa rodríguez CARBALLO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Ana García

O lucense xa se viu en situacións similares con anterioridade e saíu ben parado

26 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

José Antonio Durán Rivas (Lugo, 1974) cumpriu a súa primeira semana como adestrador do Bergantiños. Estreouse con derrota pola mínima en Torrelavega (1-0) e a este primeiro partido sucedéronlle numerosos cambios no plantel que, lonxe de acabarse, parece que van ir a máis. A salvación da categoría é o seu gran reto. Polo de agora, están a sete puntos.

—Importante saída de Charly, chegada de Josiño Filgueira. Quedan poucos días para fichar. Haberá algún movemento máis?

—Estamos buscando un xogador para a mesma posición de Josiño, de mediapunta, e incluso, algún máis, pero non é fácil firmar neste momento, sempre resulta complicado. Estámolo intentando.

—E no corpo técnico?

—Estou pendente do meu segundo adestrador. A miña primeira opción é un rapaz que estivo anos comigo. Se non é posible, temos outra opción. O demais estaría completo.

—A fichaxe de Josiño Filgueira era algo no que xa traballaba o club antes da súa aterraxe en Carballo?

—Non, sabiamos que estaba libre, eu xa o coñecía da súa época no Compostela, de enfrontarme contra el, e gústame moito mais adáptase á miña idea de xogo. Xoga nunha posición que necesitamos, aínda que tamén pode de interior, incluso pola banda dereita. Comezou a adestrar xa o luns.

—Como atopou o vestiario?

—Ben, con ganas de traballar. Moi receptivos. Pedinlles que se esquezan do pasado, que intenten resetear e que se queden co bo que fixeron ata agora. O traballo que fixeron con Lemos vai estar aí. A nivel anímico, que se tomen isto como unha nova tempada, que non miren a clasificación e que baseen todo no traballo.

—Que balance fai do seu primeiro partido?

—As sensacións non foron malas, tanto ó remate do mesmo como despois, véndoo. Fixéronse moitas das cousas que buscamos. É a liña que temos que seguir. Reforzar a nivel defensivo, pero, tamén, en ataque.

—Por que se caracteriza a súa idea de xogo?

—Polo que necesita este equipo e os seus futbolistas, adaptándose ás circunstancias nas que estamos. Temos que ser efectivos tanto en defensa como a nivel ofensivo. Con esa fórmula imos traballar.

—Algún sistema predilecto?

—Polo modelo de xogo baseado no ataque combinativo, pero o posicionamento preocúpame menos. Dáme igual xogar con tres centrais, dous puntas, cinco medios… Son flexible. Hai que adaptarse.

—Non terá un inicio fácil con rivais da zona alta.

—Si, pero en que categoría os equipos non son difíciles? Os de abaixo tamén van querer puntuar, serán todos moi complicados. Nós temos que basearnos no noso traballo, ter as ideas claras e intentar ir polos partidos os 90 minutos.

—Este domingo estrearase nas Eiroas contra o líder, o Arenteiro. Que lle parece o estadio?

—Perfecto. O que temos é que facer del un fortín e que sexa moi complicado para os rivais como así foi sempre independentemente da categoría. Adestramos todos os días nel, coñecémolo perfectamente, tennos que facilitar os partidos e non ao revés. A salvación pasa pola casa. Creo que ningún equipo na historia do fútbol se salvou facendo máis puntos como visitante que como local.

—Tanto en Terceira como en Segunda, no Lugo, chegou coa tempada comezada, nunha mala situación e salvounos, incluso máis que iso.

—Non se me deu mal. O segredo é que rapidamente te tes que adaptar ao club, á categoría e aos futbolistas, escoitar moito, ser moi observador, acertar coa toma de decisións e, despois, basealo en moito traballo.

—Logo do último encontro, hai algún xogador con molestias?

—Agulló levou un golpe no ombreiro e Iago Beceiro acabou algo cargado, pero estarán para o domingo.

Máis preto

Durán ten un amplo currículo ligado ó deporte.

—Xerente dunha cadea de ximnasios, licenciado en INEF, pasado noutros clubs femininos e mesmo na federación española de baloncesto... Está claro que para vostede o deporte non é só fútbol. Vaino trasladar dalgún xeito ó conxunto?

—Sempre o fixen. Para min o deporte é vida. Nútrome do traballo e das tácticas de outras disciplinas deportivas. Dunha maneira ou doutra estou influenciado e penso que me axuda.

—Onde vive?

—En Lugo e alí vou seguir. Estou a unha hora e dez minutos. Boto toda a mañá no club e regreso á casa. En ABfitness teño a sorte de ter boa xente comigo que me axuda, sobre todo, cando adestro.

—Cal é o equipo e o seu adestrador favoritos?

—Hoxe en día observas a todos os técnicos, non só de fútbol. Teño dúas nenas que xogan ao voleibol e ao fútbol, e ás veces fíxome nelas e na forma de adestrar das súas adestradoras. Como equipo, son do da miña cidade, o Club Deportivo Lugo. Se nos metemos xa en territorio Champions, tiro algo máis polo Real Madrid, pero gústame ver ao Barcelona, o Atlético de Madrid... Tamén vivín na Coruña, coincidindo co momento do Superdépor. Iso marcoume e téñolle certo cariño.

—No Lugo, a maiores, desenvolveu gran parte da súa carreira.

—Si, cando acabei a carreira, deixei de xogar en Terceira División, era lateral dereito. Empecei de preparador físico, na tempada 1998-1999, logo de segundo adestrador, e despois como técnico do primeiro equipo. Na campaña seguinte ascendín a División de honor xuvenil. Estiven desligado uns anos, ata que regresei, tamén co Polvorín.