Jesús Vázquez ten que dar explicacións

José Abuín Permuy

LUGO CIUDAD

27 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O presidente da Federación de Asociacións, Jesús Vázquez, reuniu hai uns días a un numeroso grupo de persoas ás que, en presenza da alcaldesa, Lara Méndez, candidata a repetir no cargo, pediu, segundo algunhas versións publicadas pola prensa, o voto para ela nas próximas eleccións municipais. Estas persoas foron invitadas a unha cea que, segundo Jesús Vázquez, se encargou de pagar a alcaldesa e candidata. Eu non sei se foi así ou non, pero todo indica que si, que foi así. En todo caso, eu, que son viceportavoz da zona rural na dirección da Federación de Asociacións, teño que dicir que a min ninguén me invitou a asistir a esa reunión e tampouco á cea, pagara quen pagara.

Como cidadán e como membro da Federación de Asociacións, viceportavoz da zona rural na súa dirección, quero que o seu presidente, Jesús Vázquez, aclare sen que quede lugar a dúbida algunha por que convocou a citada reunión para pedir o voto, se é que foi así, para unha determinada candidata. E quero que se aclare, tamén sen dúbida algunha, quen pagou a cea. O caso é que se a pagou a alcaldesa, supoño que non sería cos seus propios cartos; se a pagou a Federación, foi cos cartos da entidade e, polo tanto, de maneira, como direi, moi pouco estética, por non dicir outra cousa.

Este asunto require, non sei se taquígrafos, pero si luz, moita luz. Non pode quedar dúbida algunha fronte á posibilidade de parcialidade política da Federación nin sobre o uso que se fai dos cartos públicos. Señor Vázquez, chegou o momento de que dea explicacións como presidente da Federación de Asociacións de Veciños de Lugo.