Neves

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO DAR

LUGO CIUDAD

24 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

or fin chegou a esperada neve neste mes de xaneiro de 2023. E nevou con ganas alí onde sempre foi habitual que nevase, nas montañas de Lugo e de Ourense. Incluso chegou un pouco máis aló do habitual pero sen callar de xeito salientable. Coa abondosa choiva que estamos tendo neste outono e no que vai de inverno chamaba a atención que as temperaturas non se adecuasen a este tempo do ano. E sen dúbida tanto o frío como a neve son moi precisos para o sensible equilibrio da natureza e que ela mesma regule a súa marcha de maneira normal. «Ano nevento, ano

farturento», «A neve de xaneiro fai o pan no eido», «A auga da neve dá pan; a do trebón, en parte si, en parte non»... Estes son algúns ditos do noso refraneiro popular onde se destacan e valoran as bondades da neve, así que é normal que nos ámbitos rurais a xente reciba este fenómeno meteorolóxico con alegría polo que significa a pesares das inconveniencias que poida supoñer nalgúns casos.

Eu lembro os invernos da miña infancia, cando iamos á aldea en Niñodaguia?Xunqueira de Espadanedo, cunhas nevadas considerables que aguantaban calladas durante bastante tempo. Época de curar as carnes da matanza na que esa friaxe valorábase coma o ouro. Era complicado facer outro tipo de traballos e difícil guiar polas estradas mais eu, como cativo de cidade, gozaba ao máximo facendo bonecos de neve e outras cachifalladas propias da infancia. Acordo a neve dende o positivismo que entendín na aldea e dende unha estampa estética única que gardo na miña memoria como se acontecese onte mesmo. Na miña vida teño un feixe de experiencias e lembranzas coa neve entre as que está ver á Coruña totalmente nevada nalgunha ocasión, especialmente no ano 1987, tendo en conta a rareza que iso supón. E tamén que grazas a friaxe nunha copiosa nevada en Nova York, deixei o tabaco. Alí xa non estaba permitido facelo dentro dos locais. Xa que logo, para botar un pito, tiñamos que saír fóra cuns 5 graos baixo cero. Equipado con abrigo, gorro, bufanda e o tremelar das mans conxeladas, comecei a cuestionarme que estaba perdendo o tempo e malgastando a saúde. Así pois, dende aquel 2004, teño outro motivo para alegrarme de ver a neve.