Xesús Mato, o cura lucense que rompeu todos os esquemas

CANDELA F. ROLDÁN LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Mato, primeiro pola dereita, desenvolveu un amplo labor como crego.
Mato, primeiro pola dereita, desenvolveu un amplo labor como crego. Manuel Guede

A obra recolle 19 colaboracións en forma de conversa para repasar a traxectoria do crego e musicólogo lucense

18 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Xulio Xiz e Antonio Giz presentaron o martes pola noite o libro «Xesús Mato, 90 anos… e 50 do seu Fuxan os ventos», como homenaxe ó crego, musicólogo e fillo predilecto do Concello de Paradela, que tamén acudiu ós eventos que se celebraron en Paradela pola mañá, e en Lugo pola tarde, na súa honra.

O libro, publicado por Brandán Comunicación, recolle a traxectoria vital de Xesús Mato (Paradela, 1932) con motivo do seu 90 aniversario, o pasado 29 de outubro, e medio século despois da creación do grupo Fuxan os ventos, do que foi alma mater, sendo tamén da súa autoría a letra e a música da canción que deu nome ao grupo.

Esta obra autobiográfica recolle a vida persoal e profesional do crego lucense a través dunha narración en forma de conversa co protagonista con 19 colaboracións especiais. Cada un dos autores está especializado nalgún ámbito da vida de Xesús Mato, ou mesmo formou parte das anécdotas ou experiencias que se contan na peza.

O libro relata a nenez do musicólogo, a guerra, a súa vida no seminario, na parroquia, o seu papel na Radio Popular, na vida social e musical de Galicia, etc.

Moitos dos seus fregueses destacan que o crego sempre realizou un traballo importantísimo para os veciños do rural, moito máis aló da liturxia, segundo afirma o xornalista Xulio Xiz, que di que o lucense viviu 25 anos na montaña, e que realizou un excelente traballo de asistencia axudando a todas aquelas persoas con menos recursos nunha época convulsa.

«El serviu ós veciños de Lugo, non só nun sentido espiritual, senón tamén cultural e social, e mesmo material», declara o xornalista. O martes mesmo, unha das freguesas de Xesús Mato quixo agradecer, na presentación do libro no Concello de Paradela, a labor do crego, ó que describiu como «un home próximo que sempre estaba á disposición de todos, que se achegaba ás casas das persoas enfermas para axudar en todo o que podía».

Ao acto acudiu xente vencellada con Mato por moitas razóns.
Ao acto acudiu xente vencellada con Mato por moitas razóns. Manuel Guede

Outro dos eidos nos que incide o libro é a do idioma. Xulio Xiz relata que Mato foi o creador da misa en galego pola radio. O seu obxectivo era facer chegar a liturxia ás persoas enfermas ou con algún problema de mobilidade que non podían acudir de forma presencial.

«El abriu moitas portas. Quería que todo o mundo puidese participar na vida social e acabar por fin con todas as barreiras. A súa labor foi fundamenta», sostén Xiz.

Fuxan, un referente

A historia da música galega do último século hai que dividila entre antes de Fuxan os ventos e despois, case coma o testamento. Iso di o escritor Xulio Xiz, que asegura que o grupo chegou no momento oportuno para lanzar unha clara mensaxe de liberación á sociedade.

A canción que deu nome ó grupo lanzouse en 1972, en vésperas da Transición en España.

Era o momento no que a poboación intentaba atopar novas canles de comunicación e de expresión, e o grupo foi unha desas vías. Non só a nivel autonómico e nacional, senón en moitos países de Europa.

Desta forma, «Xesús Mato, 90 anos… e 50 do seu Fuxan os ventos» vai dirixido ós «matólogos» como di Xiz, é dicir, ós seguidores deste crego, pero tamén a todos aqueles que estean interesados en coñecer e profundar nunha das figuras máis emblemáticas da provincia lucense, que chega agora ó público en forma de narrativa.